Lugo volve ser a provincia con máis investimento por habitante nos Orzamentos da Xunta para 2015

Valoracións sobre os Orzamentos da Xunta para 2015

•As partidas para o corredor Sarria-Monforte, con máis de 18 millóns, e as conexións do Porto Seco, con algo máis de 3 millóns, centran a inversión autonómica no sur lucense

Dende a oposición lamentan que estas contas non inclúan “ningunha partida nova”

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, durante a presentación dos Orzamentos da Comunidade Galega para 2015, o pasado 20 de outubro. GPXG.
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, durante a presentación dos Orzamentos da Comunidade Galega para 2015, o pasado 20 de outubro. GPXG.

• O Goberno galego vén de presentar o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2015, no que Lugo volve ser, por segundo ano consecutivo, a provincia con máis investimento por habitante. Según explicou a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, na súa comparecencia ante os medios o pasado 20 de outubro, as contas da Xunta para o vindeiro ano “priorizarán o gasto nas provincias de Lugo e Ourense co obxectivo de afondar no reequilibrio territorial entre as distintas provincias galegas”. Así, a Administración galega investirá 732 por habitante en Lugo e 673 euros en Ourense, fronte aos 401 de A Coruña e 396 de Pontevedra.

MÁIS INVESTIMENTO E MENOS DÉBEDA
Na súa intervención, Muñoz Fonteriz desglosou as liñas xerais dos Orzamentos da Xunta para 2015, que cifran en 8.436 millóns de euros o gasto non financieiro para o ano que vén, o que supón o primeiro aumento dende o ano 2009. Con estes datos, a Xunta disporá en 2015 de máis capacidade de gasto, en concreto de 60,6 millóns máis, e destinará máis recursos a investimento e menos a débeda, reducindo en preto dun 5% o capítulo de gasto en xuros. Neste punto, a conselleira de Facenda precisou que Galicia pasou de ser a terceira comunidade con maior ratio de endebedamento en 2007, a ser na actualidade a sétima autonomía con menor ratio, cun endebedamento 4,2 puntos inferior á media. Muñoz Fonteriz lembrou que Galicia é a única comunidade de réxime común que non acudiu aos mecanismos de rescate postos en marcha pola Administración do Estado.

REBAIXAS SELECTIVAS DE IMPOSTOS
Por outra banda, a titular de Facenda explicou que oito de cada dez euros dos Orzamentos 2015 irán a Servizos Socias, Educación e Sanidade. Ademais, a conselleira avanzou que os Orzamentos de 2015 incluirán beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 321 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,8% respecto ao actual exercicio. A Xunta introduce novas rebaixas selectivas de impostos co obxectivo de fomentar a natalidade, eido no que Galicia pasa a liderar as políticas de actuación, ademais de favorecer o investimento en I+D+i, incentivar a utilización de enerxías limpas e impulsar a competitividade no sector do transporte profesional, coa exención total do tramo autonómico do Imposto de Hidrocarburos para os transportistas profesionais.
No eido tributario, establécense tamén novidades coma o novo Imposto Compensatorio Ambiental Mineiro (ICAM), que gravará a alteración da superficie e o almacenamento de residuos dos minerais metálicos e metais preciosos, sen afectar ás explotacións tradicionais de Galicia, como as de lousa, o granito ou os áridos.

PREVISIÓN DE CRECEMENTO DUN 2%
En canto á marcha xeral da economía, Muñoz Fonteriz estimou que Galicia pechará este ano con taxas positivas de crecemento por primeira vez en catro anos, cunha previsión de avance do PIB nun 0,9%, mentres que no 2015 a taxa de crecemento será do 2%. Ademais, dende a Xunta incidiron en que se recuperará a creación neta de emprego e a taxa de paro reducirase en 1,6 puntos.
PRIORIDADES DE GASTO
Muñoz Fonteriz destacou que as contas da Xunta para 2015 inciden no impulso de infraestruturas sanitarias, ás que se destinan 124 millóns de euros, ao eido hidráulico, cunha partida de 142 millóns, e ao sector primario, cun total de 116 millóns. Asimesmo, destinaranse 135 millóns de euros a investimentos en medio ambiente, transportes e enerxías renovables.
En canto á promoción do emprego, a conselleira de Facenda precisou que “seguirá sendo unha prioridade” no capítulo de gasto, xa que contará con 152 millóns de euros para mellorar a cualificación dos traballadores e a empregabilidade, e 27 millóns para fomentar o traballo autónomo, o emprendemento e as cooperativas.

O corredor Sarria-Monforte recibe unha partida de máis de 18 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta para 2015.EC.
O corredor Sarria-Monforte recibe unha partida de máis de 18 millóns de euros nos Orzamentos da Xunta para 2015.EC.

O SUR DE LUGO RECIBE INVESTIMENTOS EN INFRAESTRUTURAS VIARIAS
En canto ao sur lucense, os Orzamentos da Xunta para 2015 destinan unha partida de 18.870.033 euros para a Vía de Alta Capacidade Sarria-Monforte, e outra de 3.268.129 euros para as conexións por estrada do Porto Seco de Monforte. Estas cifras suscitaron diversas valoracións por parte das formacións políticas provinciais e locais. Así, dende o Partido Popular lucense consideraron que estes Orzamentos 2015 “son unhas contas rigorosas que demostran o compromiso do Goberno Galego coa provincia”, e destacaron o incremento de 10,9 millóns respecto ao 2014 na partida destinada ao corredor Sarria-Monforte. Os populares lucenses suliñaron que o investimento en estradas no conxunto da provincia duplicouse respecto ao ano pasado, e a partida destinada a augas para o territorio provincial medrou en 23,66 millóns dende 2014. Dende o PP lucense amosaron a súa “satisfacción” porque Lugo sexa a provincia con máis investimento por habitante en 2015.

SEVERINO RODRÍGUEZ, ALCALDE DE MONFORTE: «OS ORZAMENTOS DA XUNTA SON DECEPCIONANTES»
Dende o Concello de Monforte, o alcalde, Severino Rodríguez, cualificou de «decepcionantes» os Orzamentos da Xunta, «xa que non rexistran ningunha inversión que non fose coñecida dende hai anos».»Despois da absoluta marxinación de Monforte nos Orzamentos do Estado, agora é outro goberno do Partido Popular, o do señor Feijóo, o que ignora as necesidades deste Concello e se limita a repetir investimentos de pasados orzamentos para cubrir o expediente con Monforte», criticou Severino Rodríguez, en referencia ao investimento do corredor «que afecta a varios concellos e que acumula tres anos de retraso na súa adxudicación». Rodríguez tamén criticou que a partida para as conexións do Porto Seco ata a parcela de Repsol-Butano «é unha actuación da que se fala tamén dende hai anos». O alcalde destacou que o único investimento novedoso son os 27.000 euros para as reformas no Centro de Formación Agroforestal.
«Diante destes orzamentos, e vendo como concellos de moita menor entidade contarán con partidas para novas infraestruturas, lamentamos a falta de compromiso con Monforte da Xunta do PP», suliñou Severino Rodríguez, quen emprazou a Julia Rodríguez, voceira do PP na Corporación municipal e deputada no Parlamento Galego, «a que procure unha maior colaboración da Xunta con Monforte» en investimentos relacionados coa conservación da muralla, coa mellora de rúas como Santo Domingo e rúa Real pola que se sube ao Parador, ou a rúa Santa Clara, ademais da construción dunha nova depuradora de augas residuais. «Todas estas actuacións son de gran importancia para a cidade e que precisan da implicación do Goberno Galego para realizalas», precisou o alcalde de Monforte.

VICENTE DOCASAR, DEPUTADO SOCIALISTA NO PARLAMENTO DE GALICIA: «OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA O SUR DE LUGO SON PROFUNDAMENTE DECEPCIONANTES E DE CASTIGO»
O deputado autonómico Vicente Docasar, e o voceiro do PSOE en Monforte, José Tomé, suliñaron que os Orzamentos da Xunta para esta comarca son “profundamente decepcionantes e de castigo, pois afondan no austericio e na desigualdade, xa que non farán da loita contra o paro un obxectivo prioritario, senón que apostan por políticas fiscais profundamente regresivas e insolidarias”.
Docasar aproveitou a súa comparecencia ante os medios en Monforte para facer un chamamento “sinceiro” aos responsables do Partido Popular da zona sur «para que alcen a voz contra esta dicriminación». O socialista esixiu aos populares de Monforte que non permanezan calados, pois eles débense aos seus veciños e veciñas”. Docasar considera “unha falta de lealdade pedirlle á xente o voto, e logo non ser capaces de defendelos no momento en que os Gobernos elaboran as súas contas”.
O deputado socialista criticaba que «o único que contemplan os Orzamentos autonómicos para esta comarca» son o corredor e os enlaces ao Porto Seco, “obras que están en marcha dende hai anos e que acumulan enormes retrasos”. Docasar lamentou que “non teñamos nada para que as empresas se poidan instalar no futuro centro loxístico, para a estación depuradora de augas residuais de Piñeira, nin tampouco para ningunha outra cuestión de relevancia para esta zona».
O deputado monfortino anunciou que «os socialistas estamos a recoller dende xa as peticións que nos fagan chegar os compañeiros e compañeiras da comarca para convertilas en emendas aos Orzamentos”. Vicente Docasar agarda que os deputados do Partido Popular atendan as «lexítimas peticións» que lles van facer chegar dende os diferentes concellos. «Eles saberán o que fan, pois nós adquirimos dende hoxe o compromiso de contárllelo aos veciños e veciñas do conxunto das terras de Lemos para que obren en consecuencia cando a democracia poña nas súas mans esa poderosa arma que é o seu voto”, sentenciou Docasar.•

Os socialistas reclamaron á Xunta unha nova EDAR para Monforte «antes de que remate o 2016»

Os deputados socialistas por Lugo Juan Carlos González Santín e Vicente Docasar, acompañados polo voceiro do PSdeG-PSOE en Monforte José Tomé, durante a súa visita ás instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Monforte a mediados de outubro.  (Foto cedida)
Os deputados socialistas por Lugo Juan Carlos González Santín e Vicente Docasar, acompañados polo voceiro do PSdeG-PSOE en Monforte José Tomé, durante a súa visita ás instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Monforte a mediados de outubro. (Foto cedida)

•Unha das infraestruturas cuxa renovación máis se demanda en Monforte é a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). Según lembraron os socialistas a raíz da presentación dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2015, esta infraestrutura segue sen reflectirse na previsión de investimento do Goberno galego. «A EDAR foi un compromiso do entonces conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nunha visita realizada a Monforte en 2012», criticou o deputado socialista Vicente Docasar, quen lembrou que «de todas as depuradoras comprometidas en 2009 para Galicia, só está pendente a de Monforte».
«Os socialistas propoñemos que se elabore un plan plurianual, conscientes da magnitude do investimento requerido, pero consideramos que esta infraestrutura é fundamental para a protección do medio ambiente», suliñou Docasar, quen se referiu ás importantes multas que debe afrontar o Concello polos verquidos derivados do mal funcionamento da depuradora e o seu estado «obsoleto». «Cunha situación así, estase a resentir tamén o tecido económico e industrial desta zona», precisou Docasar.
O deputado socialista insistiu en que «só falta vontade política» para que Monforte poida contar cunha nova depuradora. Por este motivo, acaban de levar ao Pleno da Cámara galega unha iniciativa cun calendario que active esta demanda. Así, esixen a redacción do proxecto construtivo da nova EDAR antes de que remate 2014, para poder completar a licitación e a adxudicación no primeiro semestre de 2015, periodo no que deberían comezar as obras. Ademais, esixen unha partida orzamentaria singularizada para a EDAR de Monforte nos Orzamentos da Xunta para os exercicios 2015 e 2016.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Sober, capital da concordia institucional a prol da dignidade

Seguinte Nova

Presentan a iniciativa democrática cidadá Espertamonforte!

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss