Presentan a iniciativa democrática cidadá Espertamonforte!

Elaboraron un manifesto ao que se poden sumar apoios a través dunha páxina web

•Iniciarán un proceso asambleario para «chegar a definir un programa de goberno e un equipo que o leve a termo» cara as vindeiras eleccións municipais

Un momento do acto de presentación da iniciativa cidadá Espertamonforte!, celebrada no salón de actos do Centro do Viño de Monforte o pasado 25 de outubro. EC
Un momento do acto de presentación da iniciativa cidadá Espertamonforte!, celebrada no salón de actos do Centro do Viño de Monforte o pasado 25 de outubro. EC

• O pasado 25 de outubro, presentouse a iniciativa cidadá Espertamonforte!, nun acto celebrado no Salón de Actos do Centro do Viño da cidade do Cabe. Esta plataforma, que se define como un «grupo amplo de veciños de Monforte, sen adscrición política ou ideolóxica común», amosa unha «preocupación pola situación municipal», e actúan convencidos de que «os cidadáns temos que tomar partido na vida política local».

ALTERNATIVAS CIDADÁS «ANTE O CLIMA ACTUAL DE CRISE E DESCOMPOSICIÓN POLÍTICA» DE CARA ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS
Según explicaron os voceiros da iniciativa cidadá Espertamonforte!, Alberto Vázquez, Maribel García e Manolo Martínez, durante o acto de presentación, «estamos a vivir un clima actual de crise e descomposición política», que está a dar lugar en diferentes puntos de España a «propostas que pretenden constituír candidaturas cidadás para as próximas eleccións municipais», e que o están a facer «aplicando métodos de traballo e acción política radicalmente democráticos que poñan as institucións municipais ao servizo das maiorías». Na presentación do día 25, os voceiros de Espertamonforte! precisaron que «non temos nada que ver con Podemos, aínda que compartamos certas características con este e outros movementos participativos impulsados dende a cidadanía». Ademais, aclararon que «non estamos dirixidos ou promovidos por partido político, movemento, iniciativa ou plataforma de ningún tipo».

Na presentación desta iniciativa actuaron como voceiros de Espertamonforte! Alberto Vázquez, Maribel García e Manolo Martínez. A presentación deu lugar a un coloquio cos asistentes, nun acto que contou coa presencia de preto dunha trintena de persoas. EC
Na presentación desta iniciativa actuaron como voceiros de Espertamonforte! Alberto Vázquez, Maribel García e Manolo Martínez. A presentación deu lugar a un coloquio cos asistentes, nun acto que contou coa presencia de preto dunha trintena de persoas. EC

ADHESIÓNS POR INTERNET AO MANIFESTO DE ESPERTAMONFORTE!
A iniciativa Espertamonforte! elaborou un manifesto no que explica os seus principios constituíntes, e que pode ser lido e asinado a través da páxina web www.espertamonforte.org. A partir deste momento, e según explicaron os voceiros desta iniciativa, poñerán en marcha unha serie de contactos con colectivos veciñais e asociacións para dar a coñecer este manifesto, e conquerir adhesións. Ademais, recoñeceron «contactos informais» con membros dos partidos políticos locais, para facerlles chegar as súas propostas, xa que «calquera pode amosar o seu apoio a esta iniciativa democrática cidadá».

OBXECTIVO FINAL: ELABORACIÓN DUNHA CANDIDATURA ÁS MUNICIPAIS A TRAVÉS DE «ASAMBLEAS ABERTAS»
O seguinte paso, en cuxo calendario están a traballar os promotores de Espertamonforte!, será iniciar un procedemento asambleario, «aberto a todas as persoas que queiran participar», no que se decidirá o funcionamento interno, o código ético e o sistema de votación de listas, entre outros aspectos, cara á posible configuración dunha candidatura ao goberno municipal. «Non somos unha candidatura ás municipais, pero queremos que isto o acabe sendo, é o noso obxectivo final», explicaron os voceiros de Espertamonforte!, que entenden que «non é posible participar nas decisións políticas dende fóra dos mecanismos establecidos». O único requisito que esixen para poder optar a ser candidato nese proceso é «respectar o espíritu do manifesto que estamos a difundir».
Dende Espertamonforte! insistiron en que «o noso único obxectivo é traballar por Monforte e dende Monforte», e precisaron que «non temos interese en medrar politicamente».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Lugo volve ser a provincia con máis investimento por habitante nos Orzamentos da Xunta para 2015

Seguinte Nova

A Deputación pon en marcha o Pacto polo Emprego II

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: