Sarria e Monforte acollerán en novembro actividades de formación do programa teatral Buxiganga

•A iniciativa xurde do convenio asinado entre a área de Cultura da Deputación e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia

Un momento da presentación das accións formativas do programa Buxiganga, na Praza de San Marcos de Lugo, o 28 de outubro.  GPVDL.
Un momento da presentación das accións formativas do programa Buxiganga, na Praza de San Marcos de Lugo, o 28 de outubro. GPVDL.

• Sarria e Monforte, xunto con Lugo e Mondoñedo, serán as sedes das accións formativas do programa teatral Buxiganga, nunha iniciativa impulsada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Ambas entidades veñen de firmar este ano un convenio para colaborar colaborar na creación de estruturas profesionais no eido das artes escénicas, así como axudar a manter as xa existentes.

CONTRIBUÍR A QUE “O GUSTO POLO TEATRO NA NOSA PROVINCIA CONTINÚE A MEDRAR”
Con esta colaboración, o proxecto teatral Buxiganga “dá un paso adiante e afiánzase como referente teatral da provincia” tanto no eido amador coma no profesional, según explicou o responsable da Área de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro. O titular provincial destacou que o obxectivo último “é que con esta nova andaina de colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia agardamos que o gusto polo teatro en Lugo continúe a medrar, sabedores de que esta é tamén unha ferramenta para mudar o mundo no que vivimos, para conquerirmos unha sociedade máis xusta e solidaria”.

CURSOS NA SEGUNDA METADE DE NOVEMBRO
Dentro do calendario de accións formativas, en Sarria terá lugar un obradoiro de improvisación impartido polo actor Antón Coucheiro, os días 15, 22 e 23 de novembro. Pola súa banda, Mar Navarro impartirá en Monforte o obradoiro Máscara Neutra 28, 29 e 30 de novembro tanto para profesionais como afeccionados.

INSCRICIÓN NO CURSO DE SARRIA
Todos os obradoiros teñen prazas limitadas, e a inscrición para o obradoiro de Sarria realizarase a través da web da Vicepresidencia Primeira, www.v1deputacionlugo.org, ou chamando aos teléfonos 982 260 180 ou no 698 192 745. O obradoiro que se impartirá en Sarria ten un custo de 10 euros para as actrices e actores que forman parte do circuíto Buxiganga, e de 20 euros para os demais.

REQUISITOS E PREZOS PARA INSCRIBIRSE NO CURSO DE MONFORTE
A inscrición para o curso que se desenvolverá en Monforte deberá facerse a través do enderezo electrónico info@aaag.es, a través do teléfono 698 192 745 ou ben a través das webs tanto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), www.aaag.es, ou ben da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, www.v1deputacionlugo.org. É imprescindible enviar xunto co formulario de inscrición, unha fotografía recente, o currículum vitae e unha fotocopia do DNI, agás no caso de ser socia ou socio da AAAG. O curso de Monforte ten un prezo de 50 euros para actrices e actores da provincia de Lugo e socios da AAAG, e de 80 euros para os demais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Instalada unha caldeira de biomasa no xulgado de Chantada

Seguinte Nova

O Concello de Quiroga organiza en novembro actividades de dinamización en torno ao Museo Xeolóxico

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: