•Alejandro Fernández gañou un merecido ouro •O debut en competición de Junior Martínez saldouse cun bronce •Yago García sumou un bronce ao seu palmarés

• O club Neka vén de conseguir tres novas medallas no XIV Campionato Internacional Cidade de Ribeira, celebrado o 18 de outubro. Nesta proba, que xuntou na vila mariñeira a preto de 800 deportistas chegados de España e Portugal, a expedición monfortina estivo integrada por seis taekwondistas, que amosaron o bo momento polo que está a pasar esta disciplina deportiva na cidade do Cabe.
TRES MEDALLISTAS
O benxamín Alejandro Fernández Franjo acadou un merecido ouro, logo dunha excepcional participación, na que cabe sinalar o K.O. co que resolveu o primeiro combate, e un brillante 8-0 na final.
Pola súa banda, Yago García sumou en Ribeira unha medalla máis ao seu amplo palmarés, gañando o bronce. Asimesmo, a cita de Ribeira foi o escenario da excelente estrea en competición de Junior Martínez, que subiu ao podio na súa primeira proba oficial, e abriu a súa conta cunha medalla de bronce.
CAMPIONATO DE ESPAÑA DE CLUBES
O adestrador do Club Neka, José Mª Vega, amosouse satisfeito por este “moi bo” resultado nunha proba “difícil, que convoca a moita xente de varios puntos de España e Portugal”. Con estas boas sensacións, en Neka están xa a desenvolver os “durísimos” adestramentos cara ao Campionato de España de Clubes, unha cita fundamental no calendario desta disciplina deportiva, e que terá lugar en Pontevedra do 8 ao 8 de decembro.•