Polémica en torno aos traballos de encauzamento do río Sarria
•Este colectivo afirmou que as declaracións no Xulgado de Sarria de dous imputados confirman que as obras da Confederación “estanse a realizar sobre a ilegalidade”
• A nova ponte do Toleiro comeza a visualizarse na paisaxe da ribeira urbana de Sarria. Á par que a imaxe da zona do Malecón vai tomando un novo aspecto, seguen producíndose reaccións paralelas que teñen que ver coa xestión e a posta en marcha deste polémico proxecto.
SEGÚN A PLATAFORMA, AS OBRAS DA PONTE NON PODERÍAN TER CONTINUADO DE NON PRODUCIRSE A CORTA DENUNCIADA
A comezos deste mes, a Plataforma Sarriana polo Río emitiu unha nota informativa na que alude ás declaracións como imputados de dous responsables da obra de encauzamento do río Sarria, promovida pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Estas declaracións realizáronse no Xulgado de Sarria, onde se está a instruír o procedemento penal por un presunto delito de quebrantamento da medida cautelar de paralización da corta nas ribeiras do río Sarria.
Según explicaron dende este colectivo cidadá, “máis aló do recoñecemento dos feitos que tiñan sido denunciados pola Plataforma Sarriana polo Río, a importancia destas declaracións deriva de que as mesmas poñen de relieve que as obras do Toleiro, que nesa altura estaban iniciándose, non poderían ter continuado de non terse producido a corta denunciada”.
Neste sentido, as declaracións no Xulgado dos dous responsables da obra de encauzamento do río “confirman a análise realizada no seu día pola Plataforma”. Este colectivo explicou que “a nova ponte do Toleiro, levantada pola Confederación, estase a construir sobre a ilegalidade, xa que se fixo por unha tala prohibida pola normativa de protección do Camiño de Santiago”. Ademais, a Plataforma apuntou que esta ponte “se fixo sobre o incumprimento das ordes xudiciais”, en referencia á medida cautelar de paralización da corta.
AS OBRAS FIXÉRONSE “CUN DESPREZO ABSOLUTO POLA LEI E AS RESOLUCIÓNS XUDICIAIS”
“As obras non podían seguir adiante de ningún modo sen derribar precisamente esa nogueira que a lei e unha orde xudicial protexían”, denuncian dende a Plataforma Sarriana polo Río. Este colectivo criticou que “os responsables do proxecto decidiron eliminar ese obstáculo dando mostras, máis dunha vez, dun desprezo absoluto pola lei e polas resolucións xudiciais”.
A Plataforma considera que a nova ponte do Toleiro “é a ponte da vergoña”, xa que “non era necesaria”, citando o texto do proxecto de encauzamento onde se recoñece que “esta pasarela no genera una obstrucción excesivamente elevada al paso de la avenida”. Dende este colectivo denuncian que “foron derrubados sen motivo os centenarios piares de mampostería de lousa da vella ponte, e sustituironse por unha ponte que, tal e como sinalou a Escola Galega da Paisaxe, ten un gran impacto visual e non armoniza nin co resto das intervencións previstas ni coa contorna”.•