•Según os datos do último informe de fiscalización da conta xeral do Sergas, que rexistra un gasto de 4 millóns de euros no exercicio de 2012
• A comezos de novembro, o voceiro socialista na Deputación de Lugo, Manuel Martínez, fixo unha valoración do último informe de fiscalización da conta xeral do Sergas, emitido polo Consello de Contas e referido ao exercicio de 2012, do que se desprende que o Hula foi o hospital galego que máis gastou na derivación a centros concertados, con 4 millóns de euros. “Os datos oficiais demostran que Lugo é a provincia galega que máis sofre as consecuencias da privatización da sanidade pública que está a levar a cabo o Goberno de Feijóo”, destacou Martínez.
O portavoz socialista criticou que “o PP preferiu gastar 4 millóns de euros en centros privados en vez de investir estes fondos públicos, que eran para a sanidade pública da nosa provincia, na dotación de servizos no Hula”. Martínez insistiu en que esta derivación de fondos estábase a producir “mentres 1.200 lucenses se ven obrigados a facer a chamada Ruta do Cancro para recibir tratamentos oncolóxicos na Coruña, porque Feijóo se nega a dotar a Lugo de dotacións imprescindibles, como Hemodinámica 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear”.
Neste sentido, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a súa comparecencia no Parlamento de Galicia durante a presentación dos Orzamentos Participativos 2015 “para denunciar a gravísima discriminación e inxustiza que comete o Goberno de Núñez Feijóo coa provincia de Lugo ao ter paralizados os servizos de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas no HULA”, ademais de manter bloqueada a redacción da ponencia sobre a Iniciativa Lexislativa Popular “que avalaron 41.095 persoas”. “Somos a única provincia galega que non conta cuns servizos polos que levamos xa case catro anos esperando”, criticou. •