•O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra mellorou con novos paneis a sinalización das igrexas románicas deste municipio
• Sober segue a impulsar a promoción e información acerca do seu patrimonio monumental. Nesta ocasión, o protagonista é o románico, logo da instalación de varios paneis direccionais nas igrexas de San Pedro de Canabal, Santa María de Proendos, San Vicente de Pinol e San Xulián de Lobios. Esta actuación estivo a cargo do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, dentro do plan de sinalización aprobado para este exercicio, logo da demanda formulada dende o propio Concello de Sober o pasado ano.
AS IGREXAS CONTARÁN CON PANEIS INFORMATIVOS NA SÚA CONTORNA
Según informaron dende o Consistorio soberino, está previsto que o Consorcio de Turismo continúe os traballos de sinalización do patrimonio deste concello, engadindo novos paneis, neste caso con información sobre as características de cada igrexa románica, na contorna destes catro monumentos.
ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS ÁS INICIATIVAS EMPRENDIDAS POLO CONCELLO
Estas tarefas de sinalización destes puntos de interés turístico veñen a completar as iniciativas emprendidas dende o Concello de Sober. Ademais de diverso material informativo sobre a Ribeira Sacra, dende o Concello veñen de publicar hai uns meses unha guía turística monográfica sobre o románico soberino, amosando as características destas edificacións, así como os seus accesos e as referencias máis destacadas na súa contorna.
FACILITAR O ACCESO AO PATRIMONIO, E INCREMENTAR O FLUXO DE VISITANTES A SOBER
Según precisou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, en relación ás recentes actuacións do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no municipio, “o que se pretende coa mellora e reforzo da sinalización é facilitar a visita aos recursos turísticos do Concello e, ao mesmo tempo, incrementar o número de visitantes que se achegan á localidade”. •