•A sociedade recreativa de Escairón inicia o segundo ciclo de conferencias “Galicia en Europa.Propostas para saír da crise”
• O Círculo Saviñao vén de retomar o ciclo de conferencias que, baixo o título “Galicia en Europa. Propostas para saír da crise”, pretende achegar a realidade da Unión Europea á veciñanza e promover o debate sobre este tema con representantes das diferentes opcións ideolóxicas.
CRÍTICA Á AUSTERIDADE QUE VÉN DENDE EUROPA
Con este obxectivo, a primeira das conferencias foi impartida polo eurodeputado e ex ministro socialista José Blanco, o pasado 31 de outubro. Durante a súa intervención, Blanco fixo referencia a dous persoeiros destacados pola súa contribución ao debuxo da Unión Europea, como Robert Schumann, un dos pais da UE, e Jacques Delors, impulsor do exitoso programa Erasmus, e que, según palabras de José Blanco, “foi o mellor presidente que tivo a Comisión Europea”.
Asimesmo, na conferencia impartida no Círculo Saviñao, José Blanco aproveitou para realizar unha crítica das políticas de austeridade impulsadas dende Europa, e ás que considera causantes da recesión que están a sufrir os países membros. Neste contexto, Blanco amosouse esperanzado nas políticas da nova comisión presidida por Jean-Claude Juncker, que inclúen un aumento do orzamento en 300.000 millóns de euros, e que según apuntou Blanco, é froito dos pactos cos socialdemócratas europeos.
RETOS PARA GALICIA EN EUROPA
Na súa intervención, o eurodeputado lucense defendeu a supresión dos paraísos fiscais, e a aposta europea pola solidaridade. En canto ás cuestións directamente relacionadas con Galicia, Blanco lembrou a importancia que ten para a nosa Comunidade a Política Agraria Común (PAC), as oportunidades que están a xurdir para os portos galegos coa apertura do novo Canal de Panamá, e a necesidade de clarificar, antes do vindeiro mes de xaneiro, a inclusión española na Rede Ferroviaria de Europa. Por último, José Blanco alertou da importancia de ter en conta o grave problema da demografía para apoiar proxectos que fixen poboación en Galicia, sobre todo no eido rural.
FIN DAS MAIORÍAS ABSOLUTAS
A conferencia de José Blanco na sociedade recreativa de Escairón non estivo exenta de análise político. O socialista lucense considerou que o seu partido está a aumentar o apoio dos cidadáns pero que “nos esperan tempos sen maiorías absolutas nas institucións do Estado, autonómicas e municipais”.•