Gómez Besteiro deu a coñecer as Contas provinciais do vindeiro ano no Parlamento de Galicia
•Emprego, infraestruturas e políticas sociais contarán con 28,1 millóns de euros •Os Orzamentos Participativos recolleron a opinión de 55.000 veciños de toda a provincia •A Deputación lucense mantén o orzamento respecto ao exercicio de 2014, con 89,4 millóns de euros
• A comezos de novembro, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu no Parlamento de Galicia para presentar os Orzamentos 2015, os primeiros que unha Deputación en España elabora coa participación da veciñanza. As contas do organismo provincial para o vindeiro ano manteñen as cifras do exercicio de 2014, cun total de 89,4 millóns de euros, dos que o 85% estará destinado ás tres áreas consideradas prioritarias polos cidadáns que deron a súa opinión durante o proceso de elaboración destes Orzamentos Participativos.
COS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS, “A DEPUTACIÓN DE LUGO SEGUE AVANZANDO NA MELLORA DA TRANSPARENCIA”
Según explicou Gómez Besteiro durante a súa intervención na Cámara galega, as contas que presenta a Deputación lucense para 2015 son “os froitos dun ambicioso e valente proceso de participación cidadá”. Besteiro suliñou que cos Orzamentos Participativos está a cumplir o compromiso adquirido no mesmo Parlamento galego hai un ano, e que a Deputación de Lugo “segue a avanzar na mellora da calidade democrática e na transparencia que iniciamos dende o actual Goberno progresista no ano 2007”. Besteiro lembrou que “coas numerosas medidas de rexeneración que levamos adoptado dende entón, conseguimos que a Deputación de Lugo pasase de ser declarada hostil e entorpecedora polo Valedor do Pobo á sexta máis transparente de toda España”, e reclamou á Xunta de Galicia que elabore uns orzamentos que conten coa participación dos cidadáns.
Neste sentido, o mandatario provincial destacou que os Orzamentos Participativos 2015 recollen a opinión de 55.000 veciños, o 20% da poboación lucense maior de 16 anos, que participou ben directamente ou a través das 300 asociacións que tomaron parte nesta iniciativa. As áreas que os veciños e veciñas consideraron que debían ser prioritarias nas contas provinciais para 2015 foron o emprego, cun 42% das suxerencias rexistradas, as infraestruturas, cun 15%, e as políticas sociais, cun 12% das aportacións. Con esta referencia, Gómez Besteiro explicou que os Orzamentos da Deputación de Lugo para o vindeiro ano destinarán un total de 28,1 millóns de euros, o 85% do presuposto total do organismo provincial, para investir nas tres áreas escollidas pola veciñanza.
COMPROMISO DE DÉBEDA CERO EN 2016
Durante a súa intervención na Cámara galega, o presidente da Deputación precisou que estes Orzamentos “manteñen a consolidación e solvencia económica” do organismo provincial. As contas estiman que a débeda financeira baixará 9,7 millóns de euros no 2015, ata os 12 millóns, de cara ao obxectivo de débeda cero en 2016. “Non deixamos lastre algún ás futuras xeracións”, destacou Besteiro, que criticou a xestión do Goberno de Núñez Feijóo por “reducir á metade os investimentos e, ó mesmo tempo, duplicar a débeda ata superar a alarmante cifra dos 10.000 millóns de euros, o que condena a varias xeracións cunha carga económica que non se traduce en investimento algún, nin en emprego, nin en benestar, nin en ningún sector estratéxico do país”.
A DEPUTACIÓN OPTARÁ DE NOVO AOS FONDOS EUROPEOS
Por outra banda, o mandatario provincial explicou que debido á baixada das transferencias do Estado, que supoñen a principal fonte de ingresos da Deputación, e ao remate dos fondos europeos da última convocatoria, a institución solicitará un crédito bancario por 3 millóns de euros “co obxectivo de manter o volume de investimentos”. Besteiro apuntou tamén que a Deputación lucense volverá a concorrer aos fondos europeos “tralo éxito das últimas convocatorias, nas que acadamos proxectos por valor de 42,5 millóns de euros para emprego, economía do medio ambiente e novas tecnoloxías”.
O EMPREGO, “A PRIORIDADE NÚMERO UN”
En canto aos investimentos, Gómez Besteiro explicou que “a principal inquietude dos lucenses coincide realmente coa prioridade número un da Deputación nos últimos anos, que é crear emprego e actividade económica”. O mandatario provincial xustificou esta prioridade nas “244.044 persoas da nosa provincia que queren traballar e non poden”. Besteiro criticou que “pese aos intentos de maquillaxe dalgúns, as cifras do paro en Galicia son dramáticas”, e referiuse a que o desemprego duplicouse na nosa Comunidade “en tan só cinco anos”.
O titular provincial fixo un repaso dos investimentos en materia de emprego dos Gobernos do Partido Popular, criticando que “dende que goberna Feijóo a Xunta recortou nun 54% os fondos para emprego”, e que os presupostos do Goberno central para 2015 recortan as partidas de emprego en 4.500 millóns de euros. Asimesmo, Besteiro sinalou que o último Goberno provincial do Partido Popular destinou a emprego 18.030 euros, mentres o actual equipo dedicará no Orzamento 2015 máis de 5,3 millóns de euros, “é dicir, 300 veces máis”.
O presidente da Deputación de Lugo explicou que este organismo vai continuar coas catro liñas de acción que ten en marcha para combater o paro. Por unha banda, acaba de poñerse en marcha a comezos deste mes o Pacto polo Emprego II, destinado á inserción laboral de máis de 1.000 lucenses en situación de desemprego. Por outra, está a desenvolver un plan de emprego en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI), do que se benefician un total de 50 persoas, maioritariamente xoves. Unha terceira liña de acción en prol do emprego é o plan destinado a concellos de menos de 5.000 habitantes situados na Rede Natura, que está a dar traballo a 80 persoas. Por último, Besteiro referiuse ao Plan de Emprego, que arrincará en breve, dotado con 5 millóns de euros.
En relación a esta prioridade orzamentaria, o mandatario provincial que coa posta en marcha de infraestruturas «vitais para o futuro da nosa provincia» tamén se creará emprego. «En solitario, sen axuda da Xunta, impulsamos o primeiro centro público de recría de gando en España, que abrirá o vindeiro ano», explicou Besteiro, quen destacou o impulso que vai supoñer este centro para un sector «estratéxico para Galicia» como o agrogandeiro. «Queremos que a xente viva no rural e do rural», suliñou o mandatario provincial.
Besteiro fixo referencia tamén ás seis residencias e centros públicos de día para maiores que a Deputación está terminando de construír en colaboración con concellos «de todas as cores políticas», e que darán traballo a máis de 60 persoas.
Dentro do obxectivo de xerar emprego, Gómez Besteiro lembrou no Parlamento galego que «tan importante é a calidade como a cantidade», aludindo á inclusión de cláusulas sociais nos contratos da Deputación de Lugo coas empresas de servizos. Estas cláusulas blindan os dereitos sociais e laborais dos traballadores, «e xa son 160 os empregados das empresas que prestan servizos á Deputación lucense beneficiados por estas medidas», lembrou Besteiro. O titular provincial destacou que o organismo lucense foi a primeira Deputación de España en aplicar este modelo de contratación responsable. Asimesmo, Besteiro amosouse satisfeito de que «despois de rexeitar esta medida nun primeiro momento, o Partido Popular aceptase finalmente no Debate do Estado da Autonomía seguir o mesmo camiño e defender aos traballadores con cláusulas sociais no ámbito da Xunta”.
REFORZO ORZAMENTARIO PARA INFRAESTRUTURAS
Para responder ás peticións da cidadanía, dende a Deputación de Lugo incrementaron a dotación para infraestruturas e cooperación cos concellos. Así, destinarase unha partida de 9,2 millóns de euros para o arranxo das estradas provinciais, a mellora das vías municipais, instalacións deportivas, e dotación de equipamentos e servizos no rural.
Por outra banda, a Deputación manterá para o Plan de Obras e Servizos un investimento de 3 millóns de euros, a pesar de que o Goberno central non vai aportar ningunha achega a este programa, como sucedera no exercicio 2014. Asimesmo, o Plan de Infraestruturas Veciñais estará dotado con 2 millóns de euros destinados a obras e servizos no rural. Os Orzamentos 2015 dotan con 5,3 millóns de euros ao Plan de Conservación da rede provincial de estradas. Por último, o organismo lucense achegará case 400.000 euros ao Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), co que se garantirá a súa execución por segundo ano. Besteiro lembrou que a Deputación pasou a financiar preto do 11% deste programa europeo, e a Xunta de Galicia o 2%.
MÁIS RECURSOS PARA POLÍTICAS SOCIAIS
Na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, o presidente da Deputación de Lugo esixiu á Xunta «seriedade e planificación» nos servizos sociais. Besteiro queixouse de que o Goberno autonómico «segue a impoñernos a obriga de financiar os servizos sociais básicos nos Concellos de menos 20.000 habitantes, pero sen transferirnos os recursos económicos”. O titular provincial explicou que a Deputación vai seguir reforzando as partidas destinadas ás políticas sociais, que no vindeiro ano suporán 2,9 millóns de euros.
APOSTA POLA EDUCACIÓN PÚBLICA E DE CALIDADE
O mandatario provincial enumerou asimesmo as partidas que a Deputación lucense adica á educación. Así, mantén a única Escola de Imaxen e Son pública da provincia con 1,6 millóns de euros, ademais de achegar este ano 560.000 euros para o Plan de Impulso do Campus de Lugo coa Universidade de Santiago, colaboración que continuará o vindeiro ano cunha achega de 300.000 euros. Besteiro suliñou o investimento provincial de 1,8 millóns de euros para a construción da sede da UNED en Lugo, entidade á que se destinarán o vindeiro exercicio case 300.000 euros. Ademais, Gómez Besteiro lembrou que a Deputación lucense é a entidade provincial que máis inviste en Deporte por habitante e ano, despois das entidades forais vascas e os cabildos insulares. Deste xeito, os Orzamentos provinciais para 2015 manteñen a partida de 3,5 millóns de euros para Deporte, e de 3,2 millóns para Cultura.
MÁIS INVESTIMENTO E MENOS DÉBEDA, «PESE A AUSTERIDADE IMPOSTA»
O presidente da Deputación de Lugo rematou a súa comparecencia no Parlamento galego afirmando que «cos Orzamentos Participativos 2015, queda claro que, no marco da austeridade que nos impuxeron, uns comportámonos mellor que outros”. Gómez Besteiro precisou que a lucense é a Deputación galega que máis inviste por habitante e a menos endebedada, «mentras que a Xunta reduciu á metade os investimentos, e duplicou a débeda”. Logo da súa exposición dos Orzamentos Participativos 2015, o titular provincial insistiu en que «quedou claro que outra forma de política é posible, tendo en conta á xente e loitando por solucionar os seus problemas». Besteiro defendeu que con estas contas «escoitamos aos cidadáns e incorporamos as súas prioridades aos orzamentos, somos capaces de manter o investimento e deixaremos a cero a débeda financeira”.•
•Enmendas aos Presupostos do Estado para 2015: O PSOE propón ao Goberno central impulsar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, e aumentar en 7,8 millóns de euros a partida para infraestruturas na comarca de Lemos
• A deputada socialista no Congreso, Margarita Pérez Herraiz, e o senador por Lugo Ricardo Varela, acompañados do voceiro municipal do PSdeG-PSOE en Monforte, José Tomé, e do coordinador comarcal, Roberto Castro, deron a coñecer a comezos de novembro o contido das enmendas que están a presentar aos Presupostos do Estado para 2015. Pérez Herraiz explicou que os socialistas pediron ao Goberno central que inclúa nas Contas do Estado unha partida de 10 millóns de euros para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. «Esta zona pode ser un nicho de emprego emerxente, polo que é imprescindible que a esta iniciativa impulsada pola Deputación de Lugo se sumen a Xunta e o Estado», apuntou Roberto Castro.
En canto ás infraestruturas, Pérez Herraiz explicou que os socialistas presentaron unha enmenda solicitando un mínimo de 7,8 millóns de euros máis para infraestruturas do sur lucense. Os investimentos serían para a A-72 Lemos-Chantada, o tramo lucense da A-76, A-56 Lugo-Ourense con enlace en A Barrela, estudos para a línea de alta velocidade Ponferrada-Monforte e Ourense-Lugo, a ronda urbana de Monforte, a ponte de Aceña Nova sobre o río Cabe, o ensanche e mellora da N-120A de Castro de Ferreira ao límite con Monforte, e a nova comisaría de Policía de Monforte.• (Foto cedida).