A Muralla de Lugo disporá dun ascensor para garantir a accesibilidade

Dotación da Consellería de Cultura

Un momento da sinatura do convenio para a instalación dun ascensor na Muralla de Lugo. (Foto: Xoán Crespo).
Un momento da sinatura do convenio para a instalación dun ascensor na Muralla de Lugo. (Foto: Xoán Crespo).

• A Muralla de Lugo disporá antes do verán dun ascensor “que dotará a este monumento histórico da accesibilidade necesaria para que todo o mundo o poida visitar”, según explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, logo da sinatura do convenio co Concello de Lugo que fará posible esta actuación. Nesta obra a Consellería investirá uns 127.000 euros, polo que a contía total destinada polo departamento de Cultura da Xunta a este monumento Patrimonio da Humanidade ascende a máis de 2,7 millóns de euros nos últimos cinco anos.

INSTALACIÓN “TOTALMENTE HARMÓNICA” CON ESTE MONUMENTO HISTÓRICO
Esta obra, que responde a “unha vella demanda dos colectivos sociais lucenses”, será respectuosa co conxunto histórico do recinto amurallado. Según precisou o titular autonómico de Cultura, “a solución final deste proxecto é totalmente harmónica e non minora ningún dos valores culturais que posúe este monumento Patrimonio da Humanidade”. O volume prismático no cal se instalará o ascensor “en ningún caso” afectará aos lenzos da Muralla, posto que será totalmente autónomo do monumento e estará separada e comunicada co adarve mediante unha pasarela de acceso.
O artefacto estará ubicado ao final do Carril dos Romanos, xunto aos xardíns da Deputación, e terá unha capacidade mínima para 10 persoas e unhas dimensións máximas aproximadas de 240 x 240 centímetros. A día de hoxe, a Consellería ten listos todos os trámites para que comece a obra, unha vez que o Concello de Lugo conceda a preceptiva licenza. O proxecto do ascensor conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e xa está nomeado o arqueólogo encargado do control arqueolóxico, así como o coordinador de seguridade e saúde. Segundo explicou Xesús Vázquez Abad, está previsto que o ascensor estea funcionando antes do verán.
O investimento total da Consellería de Cultura na Muralla de Lugo ascende a máis de 2,7 millóns de euros desde 2009. O Plan de Mantemento deste monumento BIC para o período 2011-2014 é de máis de 971.000 euros, e a maiores xa se realizaron diversas melloras.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha o operativo do Plan Invernal da Xunta na provincia de Lugo

Seguinte Nova

Chantada acolleu unha xornada sobre o sector da agricultura ecolóxica

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: