Centos de persoas concentráronse diante do Centro de Saúde para esixir a reposición dun médico
• O pasado 25 de novembro, centenares de persoas participaron nunha concentración diante do Centro de Saúde de A Pobra do Brollón para protestar pola non substitución da baixa dun médico titular. A concentración foi convocada polo alcalde da localidade, Xosé Lois Maceda, dada a «gravidade» da situación das consultas neste centro sanitario. Según explicou o rexedor local, o Centro de Saúde de Brollón conta cun médico menos dende o mes de agosto, por encontrarse de baixa, e o Sergas está a cubrir este posto só un día á semana, «producindo un serio prexuicio aos veciños e veciñas deste concello», con esperas de ata unha semana. Xosé Lois Maceda alertou de que se están a atender por un só médico «ata 40 ou 50 consultas ao día», e a pesares de «agradecer ao persoal do Centro médico o seu esforzo por dar servizo aos pacientes», o rexedor local avogou por «seguir loitando para defender os nosos dereitos».
ALERTA CONTRA AS MEDIDAS «QUE QUEREN DEIXAR SEN MÉDICO AOS CONCELLOS MÁIS PEQUENOS»
«Esta concentración sirve para decirlle ao señor Feijóo que estamos en desacordo coa súa política de recortes, sobre todo se afecta á Sanidade», suliñou Maceda diante dos centos de veciños que se sumaron á concentración de protesta. Logo de agradecer a súa presencia, o alcalde dirixiuse á veciñanza para defender a sanidade pública no rural, «porque cos recortes imos ter que marchar de aquí». Xosé Lois Maceda alertou de que a non reposición deste médico en Brollón é o primeiro paso na intención da Consellería de Sanidade de recortar a asistencia sanitaria a concellos de menos de 1.500 habitantes.
Con esta situación, o grupo local do Bloque Nacionalista Galego en A Pobra do Brollón solicitou ao grupo parlamentario do BNG que rexistrara unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para repoñer este médico. Según o texto desta proposición, en 2011 o Centro de Saúde de Brollón contaba con tres médicos, e unha destas prazas foi suprimida polos recortes, e a outra corresponde ao facultativo en baixa médica dende agosto. Asimesmo, o BNG denunciou no seu escrito que Brollón non é o único concello do rural lucense que está a padecer recortes na asistencia sanitaria. Entre outros, O Saviñao perdeu unha praza de médico en 2011, Sarria sufriu unha redución no persoal médico, que tamén se materializou en Riotorto, Mondoñedo, Cervo, Xove, Castroverde, Navia de Suarna, Fonsagrada, Pedrafita e Vilalba, fundamentalmente coa non reposición de baixas ou xubilacións.•