Cofinanciación Xunta-Deputación
• A Deputación de Lugo inciou o proceso de contratación das obras de rehabilitación e impulso das Pallozas do Piornedo, á espera dos permisos legais imprescindibles que a Xunta ten que conceder para poder comezalas.
A DEPUTACIÓN COMPLETOU OS TRÁMITES QUE LLE CORRESPONDEN
A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobou este paso o 20 de novembro, “horas despois da reunión da Comisión de Seguimento do convenio de colaboración coa Xunta de Galicia”, explicou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, quen puntualizou que o organismo provincial xa rematou todos os trámites que son da súa responsabilidade para poder acometer estas actuacións.
Martínez explicou que os traballos contan cun orzamento de 100.000 euros para a adquisición e instalación de palla de centeo nos 730 metros cadrados das cubertas destas construcións, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC). As actuacións compleméntanse coas obras de dotación de alumeado público, cuxo proxecto realiza o Concello de Cervantes con Patrimonio, dotadas de 74.000 euros, e coas de saneaneamento en Donís, por 30.000 euros, así como a prologación do servizo no Piornedo, por 56.000 euros.
A totalidade destas intervencións supoñen un orzamento de 260.000 euros, financiados nun 65,5% pola Deputación de Lugo e nun 34,5% pola Xunta de Galicia. O organismo provincial “inviste 160.000 euros de fondos propios, mentres a Xunta achega unha subvención de 100.000 euros, financiados nun 80% por fondos FEDER”, destacou Manuel Martínez. O voceiro provincial subliñou que a Deputación tamén asumirá a redacción e execución das obras “ante o grave deterioro que sofren as pallozas logo de que o Goberno galego suprimise as axudas de 26.000 euros anuais para o seu mantemento, sendo a Xunta de Galicia a responsable legal da conservación dos Bens de Interese Cultural”.•