O Pleno provincial aprobou os primeiros Orzamentos baseados na opinión da veciñanza

89,4 millóns de euros, centrados no emprego, infraestruturas e políticas sociais

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o vicepresidente primeiro, Antonio Veiga; e a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante a presentación dos Orzamentos Participativos 2015 en Lugo.  GPDL.
O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o vicepresidente primeiro, Antonio Veiga; e a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, durante a presentación dos Orzamentos Participativos 2015 en Lugo. GPDL.

• O Pleno da Deputación de Lugo aprobou o pasado 25 de novembro os Orzamentos Participativos 2015, os primeiros presupostos dunha deputación provincial elaborados según as prioridades marcadas polos veciños.

AGRADECEMENTO AOS MÁIS DE 55.000 VECIÑOS «POLAS SÚAS IDEAS E PROPOSTAS» DURANTE O PROCESO DE ELABORACIÓN DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS
Os Orzamentos manteñen os 89,4 millóns de euros deste ano, e o 87% destes investimentos corresponden a emprego, infraestruturas e políticas sociais, «porque así o decidiron os máis de 55.000 veciños que deron a súa opinión, ben directamente ou a través das 300 asociacións que tomaron parte no proceso de participación que desenvolvemos durante o pasado verán”, suliñou o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. O mandatario provincial presentou os Orzamentos Participativos 2015 en Lugo, acompañado do vicepresidente primeiro, Antonio Veiga, e da deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto. Besteiro deu as grazas aos veciños e veciñas «polas súas ideas e propostas», e destacou que «a Deputación está a cumplir co que nos pediron, como xa estamos facendo este ano e como imos seguir facendo no 2015».

O 42% DOS VECIÑOS PEDIRON ACCIÓNS EN PROL DO EMPREGO
Besteiro suliñou que estes Orzamentos danlle «prioridade absoluta» á creación de emprego «porque con postos de traballo recuperamos poboación». O mandatario provincial anunciou que a Deputación de Lugo vai lanzar en decembro un novo plan de emprego, dotado de 5 millóns de euros, dirixido a todos os concellos da provincia. Ademais, no Orzamento para 2015 consígnanse outros 6,6 millóns por este mesmo concepto. Por outra banda, seguirán en marcha os tres plans de emprego xa iniciados, que están a beneficiar a máis de 1.100 persoas.

POSTA EN MARCHA DE 6 RESIDENCIAS E CENTROS DE DÍA
Besteiro precisou tamén que o organismo provincial creará un mínimo de 80 postos de traballo coa posta en marcha do primeiro centro público de recría na Granxa Gayoso Castro, e das seis primeiras residencias e centros de día que está a construír en colaboración cos concellos. O mandatario provincial lamentou que a Xunta non apoie estes proxectos con financiamento. «A Deputación inviste hoxe 370 veces máis en emprego que cando gobernaba o PP», criticou Besteiro, que precisou que «dedicamos tres veces máis a fomento de emprego que a Xunta, aínda que non teñamos as competencias».
O presidente da Deputación lembrou que o organismo provincial vai seguir «blindando os dereitos dos traballadores», ao aplicar as cláusulas sociais a todos os contratos coas empresas que prestan servizos á Deputación.

AS INFRAESTRUTURAS, UNHA GRAN DEMANDA VECIÑAL
Os Orzamentos para 2015 inclúen 11,5 millóns de euros en partidas para infraestruturas, que inclúen o Plan de Obras e Servizos, o Plan de Infraestruturas Veciñais, o Plan de Conservación da rede de estradas provincial, e a cofinanciación do Programa Estratéxico de Infraestruturas Municipais (PEIM). Estas liñas de acción van orientadas a atender a alta demanda veciñal, xa que no proceso participativo para a elaboración destes Orzamentos, o 15 % da veciñanza pediu investir en infraestruturas. Gómez Besteiro lembrou que xa en 2014 se reforzaran as partidas para este concepto con 9,2 millóns de euros. O mandatario provincial anunciou que, entre outras actuacións solicitadas polos veciños e que xa están en marcha, en breve a Deputación vai arranxar o vial de acceso ao Pazo de Tor, en Monforte, e vai realizar unha canalización de augas en O Saviñao.
A TERCEIRA PRIORIDADE SERÁN AS POLÍTICAS SOCIAIS «PARA CUMPRIR CO QUE NOS PIDEN OS VECIÑOS»
Durante a presentación en Lugo dos Orzamentos Participativos 2015, Gómez Besteiro lembrou que, ao igual que no fomento do emprego, a Deputación de Lugo comezou a investir en políticas sociais co actual Goberno provincial. O presidente suliñou que a partida para 2015 será de 3,5 millóns de euros, o que supón un aumento de ata o 19% no investimento en servizos sociais «para cumprir co que nos piden os veciños».
Gómez Besteiro lamentou que este aumento na inversión que a Deputación destinará en 2015 a políticas sociais «faise a pesar de que seguimos sen contar co apoio da Xunta de Galicia». «Núñez Feijóo decidiu dun día para outro impoñernos a obriga de financiar os servizos sociais básicos nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, pero sen transferirnos os correspondentes recursos económicos», criticou Besteiro, quen precisou que van seguir esixindo á Xunta «que cumpra coa súa obriga”.
No eido das Políticas Sociais, destacan tamén os investimentos en educación, xa que a Deputación destinan 1,6 millóns de euros para a única Escola de Imaxe e Son da provincia, que ademais é pública. A aportación para o Campus Universitario inclúe 300.000 euros, e outros 318.000 euros para a UNED. A partida destinada a cultura e museos está dotada con 6,7 millóns de euros, e para deporte os Orzamentos provinciais de 2015 inclúen un total de 4 millóns de euros.
Unha vez aprobadas as contas no Pleno, a Deputación vai enviar “a todos e cada un dos veciños e asociacións a contestación ás propostas, consultas e recomendacións que nos trasladaron para elaborar estes Orzamentos», precisou Besteiro, quen suliñou que «tamén lles faremos chegar ao resto de administracións os deberes que lles poñen os lucenses».•

•A Deputación esixe á Xunta converter en autovía o corredor Lugo-Sarria-Monforte

• O Pleno da Deputación aprobou unha moción do Goberno provincial que esixe á Xunta de Galicia que converta en autovía o corredor Lugo-Sarria-Monforte, desdobrando o carril por sentido de circulación, e que, mentras isto non se produza, incremente as medidas de seguridade e vixilancia na zona, ante os numerosos sinistros que se están a rexistrar.

«FALTA DE VONTADE POLÍTICA»
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que «o Goberno bipartito deixou xa máis da metade do traballo feito», posto que quedou expropiada a superficie afectada polo corredor, e tamén desdobradas as infraestruturas en pontes e viadutos coa finalidade de poder converter esta vía de alta capacidade en autovía. «Só é cuestión de vontade política», suliñou Martínez, quen criticou que «o Goberno de Feijóo parece carecer desta vontade, xa que ano tras ano recorta as partidas para este vial».
Na actualidade, o corredor Lugo-Sarria-Monforte ten útiles 34 quilómetros dos case 60 que o completarían. Según explicou o voceiro provincial socialista, cando o Goberno bipartito iniciou as obras en 2008, a previsión era rematalas a mediados do 2012, cun deseño que xa contemplaba o seu desdobramento para ser autovía. O Consello da Xunta do 26 de xuño de 2008 determinou que “o corredor contará con dous carrís de 3,5 metros e dúas beirarrúas de 2,5 metros, e as súas estruturas estarán preparadas para o seu desdobramento en autovía, cando a intensidade do tráfico así o requira”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Chantada Karate Club, no podio do Campionato Galego

Seguinte Nova

Acondicionamento de accesos a núcleos en Paradela con cargo ao canon

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: