•O 90% das alegacións presentadas, que se achegan ao milleiro entre as dúas exposicións públicas, foron estimadas
• O pasado 20 de novembro, o Pleno da Corporación Municipal de Quiroga acordou por unanimidade a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). No documento aprobado polo Consistorio recóllense o 90% das alegacións presentadas durante o periodo de información pública e que, según explicaron dende o Concello, suman preto de 1.000 alegacións entre as dúas exposicións públicas realizadas.
ASPECTOS SALIENTABLES DO PXOM
O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Quiroga introduce un aumento de solo urbano na zona da Ribeira, Toucedo e Paciovello, ademais de delimitar os 112 núcleos urbanos do término municipal. Outro dos aspectos máis salientables deste documento é o referido á protección de espazos ambientais e patrimoniais. Os responsables municipais suliñaron que este PXOM fai unha “férrea” protección no aspecto medioambiental da zona da Seara, así como do patrimonio artístico, con especial interés para o ámbito de Montefurado, Margaride, Hermidón, Hospital ou Bendilló, entre outros. Ademais, as especificacións do plan fan compatible a explotación mineira da lousa na zona de Pacios da Serra e Vilarbacú.
CULMINACIÓN DUN LONGO PROCEDEMENTO
Na actualidade, o planeamento urbanístico en Quiroga baséase nas Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, aprobadas en marzo de 1995. A elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Quiroga remóntase a setembro de 2001, coa entrega do avance do plan, e do informe de suxestións resultante do periodo de exposición pública, preto dun ano despois. O proxecto inicial do PXOM data de outubro de 2002, e foi redactado cunha lexislación que está xa derogada. Dous anos despois, en outubro de 2004, entregouse o documento previo para a aprobación inicial do PXOM de Quiroga, logo da inclusión das modificacións necesarias e a adaptación á Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Posto que diversos aspectos desta norma quedaron modificados pola Lei 15/2004, o proxecto inicial do PXOM quirogués debeu adecuarse a esta nova normativa, ademais de ter en conta o informe emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo en 2005.
O procedemento continuou en 2008, coa integración no documento das disposicións recollidas no informe de avaliación ambiental estratéxica ese mesmo ano. Así, a aprobación inicial do PXOM de Quiroga tivo lugar no Pleno celebrado o 2 de febreiro de 2009, e a partir de entón quedou aberto o prazo de información pública e consulta. Rematado este periodo, presentouse o documento resultante, e en novembro de 2013 o Diario Oficial de Galicia publicou a memoria ambiental de avaliación estratéxica, último paso para a aprobación provisional do PXOM de Quiroga polo Pleno municipal.•