•A película, rodada en Galicia e en galego, foi o segundo filme con máis espectadores por copia en toda España na súa primeira semana
• A película “A esmorga”, baseada na insigne novela homónima de Eduardo Blanco Amor, está a acadar gran éxito dende a súa estrea, a finais de novembro. Na súa primeira semana en carteleira, o filme, rodado en Galicia e integramente en galego, foi vista por máis de 15.000 persoas, o que a convirte na segunda película de España con máis espectadores por copia, só superada por “Los juegos del hambre”.
A adaptación cinematográfica da novela “A esmorga” foi dirixida polo ourensán Ignacio Vilar, e protagonizada polos actores Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán “Morris”. Este proxecto contou coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través dun convenio firmado entre este organismo provincial e a produtora Vía Láctea.
O 50% da rodaxe realizouse en espazos lucenses, como o Pazo de Tor, Escairón ou A Ferreirúa, en A Pobra do Brollón.
“A esmorga” contou con público xuvenil, como o alumnado de 4º de ESO e 1º Bacharelato do IES A Pinguela, de Monforte, que acudiu á proxección deste filme dentro dunha actividade do departamento de Lingua e Literatura. Asimesmo, e por cortesía da produtora Vía Láctea, o alumnado de 4º ESO e 2º Bacharelato do IES Lama das Quendas viu a película por videoconferencia dende o instituto.•