Máis de un millón de euros para obras e servizos na nosa provincia

Catro concellos do sur de Lugo están incluídos nestas actuacións provinciais

•Bóveda disporá de preto de 400.000 euros da Deputación para a mellora do abastecemento de auga •En San Clodio construirase un parque ambiental, e incrementaranse as instalacións lúdicas na contorna da praia de San Clodio

Un momento da visita do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Bóveda, acompañado polo alcalde, José Manuel Arias, o pasado 3 de decembro. GPDL.
Un momento da visita do presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Bóveda, acompañado polo alcalde, José Manuel Arias, o pasado 3 de decembro. GPDL.

• A Deputación de Lugo aprobou este mes un investimento de 1.314.205 euros en obras e servizos nos concellos da Fonsagrada, Bóveda, O Incio, A Pobra do Brollón e Ribas de Sil.

DOTACIÓNS NO RURAL PARA «CORRIXIR DESIGUALDADES E MELLORAR A CALIDADE DE VIDA»
Según explicaron os responsables provinciais, esta achega de máis dun millón de euros «beneficiará aos veciños que contarán con novas infraestruturas e instalacións deportivas, así como diversas melloras en dotación públicas». O voceiro socialista da Deputación, Manuel Martínez, destacou este «esforzo inversor» do organismo provincial, que permite “dotar ao rural de infraestruturas e servizos, imprescindibles para corrixir as desigualdades e mellorar a calidade de vida dos lucenses, con independencia do lugar onde residan, así como fixar poboación”.

PRETO DE 400.000 EUROS PARA OBRAS E SERVIZOS EN BÓVEDA
A partida que a Deputación lucense acaba de aprobar este mes para obras e servizos no rural inclúe un investimento de preto de 400.000 euros en Bóveda. O pasado día 5, o presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, adiantou na súa visita a este municipio que a Deputación vai dotar a este concello dunha nova estación de tratamento de auga potable, así como a reposición de tubaxes na parroquia de Guntín. Besteiro sinalou que estas obras, «que son de xustiza, van mellorar o abastecemento de augas do 80 % da poboación do concello”.
O organismo provincial construirá en Bóveda un novo depósito de auga de 400 metros cúbicos. Esta obra inclúe un decantador físico-químico á entrada da depuradora para eliminar da auga substancias tóxicas e residuos sólidos, evitar a abrasión das bombas ou desgaste dos materiais, epotabilizar a auga. Ademais, estes traballos incluirán a impermeabilización de dous depósitos de augas, e tamén se dotará á parroquia de Guntín dunha nova traída de augas. Según precisaron os responsables provinciais, o conxunto destas actuacións suma un orzamento de 386.155 euros.
Durante a visita do mandatario provincial a Bóveda, o alcalde, José Manuel Arias, agradeceu á Deputación a súa colaboración nesta obra “tan necesaria, dificilmente asumible para un concello como o de Bóveda”.
O titular provincial supervisou tamén o remate doutras obras en Bóveda, nas que se investiron máis de 20.000 euros. A institución provincial rehabilitou a Capela da Raíña, unha das actuacións máis demandadas polos veciños debido á tradición histórica do templo, así como a Capela de San Martín, na que se restauraron teitos e muros. Ademais, ampliouse unha estrada de titularidade provincial en San Martín, e procedeuse ao arranxo do firme deste vial con emulsión de triple rego.

MÁIS DE 95.000 EUROS EN ESPAZOS MEDIOAMBIENTAIS E DE LECER EN SAN CLODIO
A partida provincial para obras e servizos no rural lucense inclúe tamén dúas actuacións en Ribas de Sil. A Deputación vai destinar 95.400 euros á construción dun novo parque medioambiental no casco urbano de San Clodio, que virá substituír ao parque infantil existente, e á instalacion de dous rocódromos e paneis medioambientais na área recreativa da praia fluvial de San Clodio. Según explicou Roberto Castro, concelleiro de Ribas de Sil, o parque infantil ubicado no centro da capitalidade municipal está a acusar o paso do tempo. «Este é un parque moi especial para nós, xa que foi a primeira actuación que realizamos como equipo de Goberno aló polo 1998 con fondos europeos, e ao longo dos anos fomos renovando e modernizando as súas instalacións», explica Castro, quen suliña que «agora pensamos que é tempo de actuar de novo para que estea en condicións». O proxecto que financia a Deputación con fondos europeos inclúe a renovación total deste espazo, así como a peatonalización de dúas rúas adxacentes «para garantir ao máximo a seguridade da zona de xogos infantís, que tamén terá un peche perimetral». Esta nova área lúdica estará dotada de paneis con información medioambiental da zona.
Logo que se desmantele o antigo parque do centro de San Clodio, e para optimizar os recursos, o Concello vai reutilizar todos os elementos de xogo que sexan aproveitables para crear un novo espazo de lecer na praia fluvial. Asimesmo, o pavimento do parque vello destinarase a mellorar o pequeno parque anexo ao colexio público. «Deste xeito, San Clodio disporá dun parque de uso escolar, outro para xogar todo o ano, e un terceiro para disfrute de veciños e visitantes na zona da praia», explica Castro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Os Orzamentos de Sober priorizarán o gasto social e os investimentos

Seguinte Nova

MONFORTE ACOLLERÁ O I CAMPIONATO DE XADREZ POR IDADES O 25 DE XANEIRO

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss