•Para as 3 prioridades suliñadas pola veciñanza nos Orzamentos Participativos: emprego, infraestruturas e políticas sociais
• A comezos deste ano, a Deputación de Lugo aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións para 2015, dotado con 11,3 millóns de euros. Este orzamento vai destinado fundamentalmente a emprego, infraestruturas e políticas sociais, as tres áreas consideradas prioritarias pola veciñanza durante o proceso de elaboración dos Orzamentos Participativos 2015. Ademais, o Plan entrará en vigor xa este mes de xaneiro, respondendo ás suxerencias das entidades veciñais e asociacións, que así poden ter dende primeiros de ano unha previsión dos fondos para planificar as súas actividades.
O Plan de Subvencións destina 4 millóns ao emprego. 3,6 millóns van dirixidos a potenciar os principais sectores: gandería, agricultura, agroecoloxía, pesca e artesanía, así como o empresarial. Para formación inclúense 293.000 euros en colaboracións con diversos masters e con grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
O Plan destina 3 millóns a infraestruturas de carácter municipal, como instalacións deportivas, culturais, patrimoniais, ou novos equipamentos para a promoción turística.
As políticas sociais contarán con 4 millóns de euros, e inclúen axudas a colectivos, servizos de dependencia e inserción de persoas en risco de exclusión.