Aprobadas 237 axudas provinciais para impulsar o sector primario e o rural

A Deputación destina un total de 1,7 millóns de euros

En resposta ás peticións veciñais, o organismo provincial ampliará este mes as actividades subvencionables, e incrementará en 500.000 euros o orzamento para esta partida

A recuperación de terras baldías e a produción de viño son algunhas das actividades ás que van dirixidas as axudas que acaba de aprobar a Deputación de Lugo para impulsar o sector primario e o eido rural. Arquivo EC
A recuperación de terras baldías e a produción de viño son algunhas das actividades ás que van dirixidas as axudas que acaba de aprobar a Deputación de Lugo para impulsar o sector primario e o eido rural.
Arquivo EC

A Deputación de Lugo resolveu a finais de ano o plan de impulso ao sector primario e ao rural, coa aprobación en Xunta de Goberno dun total de 237 axudas por valor de 1,7 millóns de euros. Ademais desta resolución, o organismo provincial ten previsto dar un paso máis dentro da súa estratexia de apoio ao rural, con novas medidas que se van poñer en marcha en xaneiro. Según explicou o voceiro socialista na Deputación, Manuel Martínez, a entidade provincial vai ampliar este mes, «en resposta ás peticións veciñais», as actividades obxecto de subvención, así como o orzamento destinado a estas accións, que se incrementará en 500.000 euros. Entre as accións incluídas neste plan de impulso ao sector primario e ao rural están a recuperación de terras abandonadas, a pesca de baixura, a horticultura, a producción de viño, as infraestruturas veciñais, os centros sociais ou as traídas de auga.

MÁIS DUN CENTO DE AXUDAS PARA RECUPERAR TERREOS BALDÍOS

Entre as axudas aprobadas en decembro dentro deste plan de impulso ao rural, a Deputación concedeu un total de 114 subvencións para a recuperación de terras abandoadas. Según explicaron os responsables provinciais, a axuda por hectárea é de 500 euros, ata un máximo de 9.000 euros por beneficiario. Estas axudas ían dirixidas a gandeiros e agricultores a título individual, ou ben agrupacións, SAT ou persoas xurídicas que teña titularidade de explotacións. Ademais, as bases das axudas esixían que os beneficiarios deberán ter a parcela a produción durante un período mínimo de dous anos, e en caso de non cumplir este requisito, perderán a subvención.

AS AXUDAS FAVORECEN «A QUEN REALMENTE VIVE, TRABALLA E CREA EMPREGO NO CAMPO»

Por outra banda, os beneficiarios das axudas deberon xustificar, a través da súa declaración da renda, que polo menos o 50% dos seus ingresos procede da actividade agropecuaria, «co fin de conceder estas axudas a quen realmente vive, traballa e crea emprego no campo», explicou Manuel Martínez. O voceiro provincial socialista destacou tamén que a Deputación de Lugo «é a primeira de Galicia en ofrecer este tipo de subvencións».

«O 80% DO TERRITORIO DE GALICIA ESTÁ SEN POÑER A PRODUCIR»

Martínez lembrou a importancia das axudas para a recuperación de terreos baldíos, xa que a superficie agraria abandonada en Galicia aumentou en máis dun 66% na última década, e na actualidade supón o 80% do territorio.

UN TOTAL DE 80 AXUDAS PARA ESTRUTURAS DE USO COMUNITARIO

A segunda partida máis importante dentro do plan de impulso do sector primario e do rural corresponde ás subvencións para o acondicionamento de estruturas de uso comunitario. Según explicou Manuel Martínez, son un total de 80 as axudas concedidas o mes pasado para esta liña de accións, que engloban a mellora de camiños rurais, fontes, bebedeiros, depósitos de incendios ou sistemas de regadío comunitario. O importe máximo por beneficiario neste grupo de subvencións foi de 12.000 euros.

APROBADAS 43 SUBVENCIÓNS PARA INSTALACIÓN OU ARRANXO DE TRAÍDAS DE AUGA

O plan de impulso ao sector primario e ao rural complétase coa concesión de 42 axudas para traídas de auga. Un total de 19 destas achegas irán destinadas a novas instalacións, cun máximo de 30.000 euros por actuación. As outras 24 subvencións serán para mellorar traídas xa existentes, e contan cun tope de 10.000 euros por beneficiario. Os beneficiados son comunidades de montes ou de usuarios, así como asociacións de veciños. Según precisou o voceiro provincial socialista, nos criterios de valoración destas axudas priorizouse o número de usuarios que se dediquen a actividades agropecuarias co fin de axudar ó sector primario.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Espertamonforte! comeza a elaborar unha candidatura para as eleccións municipais

Seguinte Nova

Actuacións en infraestruturas en Chantada, Sarria e O Incio con financiamento provincial

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss