•Aprobouse un incremento de 150.000 euros respecto ao ano pasado •Inclúe investimentos de 420.000 euros para novos equipamentos e dotacións dos seis parques
• O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo contará para este ano 2015 cun orzamento de máis de cinco millóns de euros. Un total de 5.315.051 euros foi a partida aprobada o pasado 19 de decembro no Pleno do Consorcio, celebrado no Pazo de San Marcos da capital provincial. Este presuposto supón un incremento de case 150.000 euros respecto á anualidade de 2014.
NOVOS EQUIPAMENTOS E MELLORAS DOS PARQUES
Según explicou o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, esta suba da dotación para o servizo de emerxencias provincial xustifícase porque «imos facer inversións nas dotacións dos parques, mellorando os equipamentos empregados polos profesionais que prestan servizos». En concreto, vanse destinar 420.000 euros á adquisición de catro novos equipos de excarceración, á compra de material de rescate en altura, e de 66 novos equipos de telecomunicacións. Ademais, investirase en diversas melloras nas instalacións dos parques de Barreiros, Chantada, Vilalba, Viveiro e Monforte de Lemos.
NOVO CAMIÓN NODRIZA PARA O PARQUE DE MONFORTE
No que se refire á mellora das dotacións dos parques, o Pleno tamén aprobou hoxe a adquisición dun camión nodriza (BNP) para o parque de Monforte de Lemos, por un importe de 236.000 euros, malia que neste caso o gasto xa estaba recollido nos orzamentos do 2014. Según explicaron dende o Consorcio, con esta adquisición Monforte, que se incorporou máis tarde á rede provincial, contará tamén «cun parque dotado de instalacións e material punteiros e de calidade».
«IMPORTANTE» ACHEGA DE UNESPA PARA REBAIXAR AS PRIMAS DOS SEGUROS DE INCENDIOS AOS LUCENSES
Logo da celebración do Pleno do Consorcio de Bombeiros de Lugo, Gómez Besteiro tamén destacou a «importante aportación económica que fai UNESPA», Gestora de Conciertos para la Contribución a los Servicios de Extinción de Incendios, por valor de 750.000 euros. Grazas a esta achega anual para o funcionamento dos seis parques comarcais da provincia, os lucenses benefícianse de diminucións nas primas dos seguros de incendios, «xa que esta aportación revirte en melloras deste servizo público, un servizo profesional e moi próximo aos seus domicilios», según precisou Gómez Besteiro.
Outro dos puntos da orde do día da sesión plenaria foi a renovación dos titulares da presidencia e vicepresidencia do Consorcio, que serán exercida polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e Luis Menor Pérez, Director Xeral de Emerxencias de Galicia, respectivamente. Axustándose aos Estatutos do Consorcio, foron elixidos por unanimidade e exercerán por un período de dous anos.
O Consorcio de Bombeiros de Lugo está financiado ao 50% pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, e no que tamén participan os Concellos, co obxectivo de optimizar os recursos e ofrecer aos cidadáns servizos máis eficientes.