Preto de 70 millóns de euros en actuacións de mellora de 1.000 quilómetros de estradas provinciais dende 2007

Balance da rede de estradas provinciais

No sur de Lugo, a Deputación realizou tarefas de acondicionamento en máis de 160 quilómetros de estradas provinciais. Arquivo EC.
No sur de Lugo, a Deputación realizou tarefas de acondicionamento en máis de 160 quilómetros de estradas provinciais. Arquivo EC.

A Deputación de Lugo fixo balance das actuacións de mellora realizadas dende 2007 na rede de estradas de titularidade provincial. Según explicou o voceiro socialista, Manuel Martínez, estas melloras realizáronse en 1.000 quilómetros de estradas, o que supón máis dun terzo da extensión total da rede de viais provinciais. Martínez suliñou que estes datos «melloran considerablemente o feito polo Goberno provincial do Partido Popular, que se limitaban a uns 300 quilómetros». Ademais, o voceiro socialista denunciou o feito de que, «a pesares destes datos, as infraestruturas sexan un dos temas que emprega a oposición para a atacar a este Goberno provincial».

CONSERVACIÓN DA REDE E APERTURA DE NOVOS TRAMOS

Os traballos de acondicionamento de estradas supuxeron un investimento dende 2007 de preto de 70 millóns de euros. As actuacións abranguen obras de conservación en 600 quilómetros da rede provincial, e tamén tarefas de apertura de novas vías ou de modificación dos trazados xa existentes, cun total de 400 quilómetros. Dentro dos traballos realizados, destacan entre outros o uso de aglomerado en quente, a instalación de elementos de protección, sinalización horizontal e vertical, e invernal no caso dos concellos da Montaña, os desbroces, e a aplicación de elementos fundentes como o sal en caso de xeada.

«TREMENDO ESFORZO INVERSOR» PARA MANTER A REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS MÁIS EXTENSA DE ESPAÑA

Martínez destacou que o mantemento dos 4.300 quilómetros de estradas provinciais de Lugo, que é a rede máis extensa de España, nas mellores condicións posibles ao longo de todo o ano «supón para este Goberno provincial un tremendo esforzo inversor». Este esforzo se está a afrontar «malia a difícil situación económica», según precisou o voceiro socialista. Martínez puntualizou que precisamente a crise económica está a obrigar aos responsables provinciais a «priorizar aquelas actuacións que a urxencia ou especial necesidade esixe, tales como emprego ou servizos de carácter máis social».

MÁIS DE 160 QUILÓMETROS DE ESTRADAS ACONDICIONADAS NO SUR DE LUGO

Dentro do balance presentado polo organismo provincial, Manuel Martínez ofreceu os datos correspondentes a cada unha das oito zonas nas que está dividida a xestión da rede provincial, co fin de dar unha resposta máis coordinada e eficaz a calquer incidencia.

Según estes datos, a zona oito, que comprende os concellos de de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo, foron un total de 87,5 os quilómetros nos que se realizaron melloras. Pola súa banda, na zona sete, que inclúe os municipios de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, as tarefas de acondicionamento realizáronse nun total de 66,5 quilómetros. Asimesmo, na zona catro, que integra os concellos de Sarria e Paradela xunto con outros nove, realizáronse traballos de mellora en 130 quilómetros de viais provinciais.

9,2 MILLÓNS EN 2014 PARA VÍAS MUNICIPAIS E DOTACIÓNS NO RURAL

Martínez insistiu no esforzo inversor da Deputación durante o ano 2014, no que destinou unha partida de 9,2 millóns de euros para a mellora de vías municipais, así como para a dotación de equipamentos e servizos no medio rural, que aumentará ata acadar os 11 millóns de euros neste 2015, «atendendo sempre ás peticións dos veciños da provincia». Estes 11 millóns de euros distribúense a través do Plan de Conservación, dotado con 5,3 millóns de euros; o Plan de Obras e Servizos, con 3 millóns de euros, «pese a que un ano máis non contemos cun só euro do Goberno central» suliñou Martínez. Esta partida tamén inclúe o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), cuxa execución garante a institución provincial, por segundo ano consecutivo, cunha achega de case 400.000 euros. Martínez destacou o feito de que a Deputación de Lugo pasara a financiar case o 11% deste programa europeo, «mentres a Xunta aporta o 2%». A estes plans hai que engadir o Plan de Infraestruturas Veciñais, que contará con 2,2 millóns de euros para dotación e mellora de obras e servizos no rural.•

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

DOTACIÓN DE 360 TONELADAS DE SAL PARA OS 12 SILOS DA REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS

Seguinte Nova

A Asociación Veciñal de O Saviñao pide o arranxo da estrada entre Rubián e Taboada

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: