A Rede Museística Provincial de Lugo superou as 100.000 visitas ao longo do ano 2014, o que supón un aumento de preto de 9.000 visitantes respecto ao ano anterior. O balance de visitantes dos catro museos que integran a Rede Provincial foi presentado a comezos de xaneiro polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial, Mario Outeiro. O responsable nacionalista felicitouse por este aumento de preto dun 10% na afluencia de público aos museos de San Paio de Narla en Friol, Pazo de Tor en Monforte, Museo do Mar en San Cibrao, e Museo Provincial de Lugo. Un total de 101.557 persoas achegáronse ao longo do ano pasado a algún destes catro espazos museísticos, xestionados pola área provincial de Turismo. Así, 20.077 persoas visitaron en 2014 o Museo-Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol, o que supuxo un incremento do 24,16% no número de visitantes, a subida máis importante dentro da Rede Museística Provincial. En segundo lugar está o Pazo de Tor, que aumentou nun 20,26% a cifra anual de visitantes, pasando dos 6.320 en 2013 aos 7.601 en 2014. Pola súa banda, o Museo do Mar en San Cibrao rexistrou 17.966 visitantes o pasado ano, cunha suba do 9,94% respecto a 2013. Por último, o Museo Provincial de Lugo contabilizou 55.198 visitantes en 2014, un 4% máis que o ano anterior. Outeiro agradeceu á directora da Rede Museística e ao persoal dos museos «o seu entusiasmo por facer deste espazos os puntos de referencia cultural da nosa provincia».•