Presentadas máis de 220 obras de foto, relato e curtas
•O Salón de Actos da Deputación de Lugo acolleu, o pasado 15 de xaneiro, a entrega de premios da IV Convocatoria dos Concursos de fotografía, relato e curtametraxes polo Territorio.
APOIO DA ÁREA DE CULTURA PROVINCIAL
Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña de ADEGA por unha ordenación sostible do territorio, baixo o título «Ponte no medio. Móvete polo Territorio». O acto contou coa presenza dos distintos membros dos xurados, membros da organización ecoloxista ADEGA, e do delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, en representación deste departamento que apoiou este proxecto dende o seu inicio.
TRABALLOS PROCEDENTES DE TODA GALICIA
Esta convocatoria vense celebrando por cuarto ano consecutivo, co obxectivo de que a sociedade galega retrate o estado actual do territorio galego a través da imaxe e da palabra. Nesta IV edición dos Concursos de fotografías e de relatos, e III Edición do Certame de curtametraxes, integrados na convocatoria de ADEGA, presentáronse un total de 83 fotografías realizadas por 32 participantes, 47 relatos de 45 persoas, e 12 curtametraxes elaborados por unha decena de creativos procedentes de toda a xeografía galega.
PREMIO DE FOTO PARA MONFORTE
O premio da categoría adulta do IV Concurso de Fotografía correspondeu ao traballo «Sobrevivir», do fotógrafo monfortino Iván Merayo, que recibiu 200 euros e un diploma. No total das cinco categorías, rexistráronse entre os finalistas media ducia de traballos procedentes da provincia de Lugo.•