José Antonio García volverá a encabezar a candidatura do Partido Popular ás municipais en Sarria

 

•O PP de Lugo elixiu a comarca de Sarria para iniciar encontros de cara á cita electoral

O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro; o secretario xeral, José Manuel Balseiro; e o alcalde de Sarria e candidato do PP ás municipais, José Antonio García, na reunión comarcal.  (Foto cedida).
O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro; o secretario xeral, José Manuel Balseiro; e o alcalde de Sarria e candidato do PP ás municipais, José Antonio García, na reunión comarcal. (Foto cedida).

• O 17 de xaneiro, o presidente do Partido Popular na provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, deu a coñecer que o actual alcalde de Sarria, José Antonio García López, volverá a encabezar a candidatura do PP neste municipio.

REVALIDAR EN SARRIA A MAIORÍA ABSOLUTA DE 2011

O actual rexedor aspira a revalidar a maioría absoluta das pasadas eleccións, no que sería o seu terceiro mandato á fronte do Goberno local de Sarria. García accedeu por vez primeira á alcaldía en 2003, e recuperouna nos comicios de 2011. Avogado de profesión, o sarrián García López forma parte da corporación local dende 1999, e ocupou un escano no Parlamento de Galicia, ao que renunciou ao ser investido alcalde en 2011. Ademais, preside o Partido Popular de Sarria dende 2008.

«GARCÍA LÓPEZ DEBE REPETIR PORQUE ESTÁ ENTREGADO AO SEU TRABALLO NA ALCALDÍA»

O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, puxo en valor a xestión do actual alcalde e candidato, e sinalou que «a pesar dun complicado contexto económico e social pola crise, foi posible acadar unha mellora efectiva da vila e da calidade de vida dos veciños, que sempre foron e serán a súa máxima prioridade».

Ademais, Barreiro destacou a «dilatada experiencia de servizo público» do alcalde, e definiu a José Antonio García como «un traballador incansable, responsable e serio». Barreiro suliñou que «os populares tiveron claro que debía repetir porque é unha persoa entregada ao seu traballo».

«CONTINUAR COA TRANSFORMACIÓN EN POSITIVO» DE SARRIA

Pola súa banda, José Antonio García López espera obter unha «nova mostra de confianza dos veciños de Sarria para con honestidade e moito traballo continuar coa transformación en positivo» deste concello. García López declarou que asume este novo reto «coa mesma ilusión, frescura e ganas de traballar a prol de Sarria que ata o de agora».

UNHA XESTIÓN MUNICIPAL «PRÓXIMA AOS VECIÑOS»

O actual alcalde de Sarria e candidato ás municipais suliñou que «o Partido Popular seguirá ofrecendo un equipo gañador que sabe estar ao carón das necesidades dos seus veciños e actuando cunha xestión próxima, en permanente colaboración e apoio doutras administracións como a Xunta ou o Goberno central». García López lembrou que esta actuación conxunta fai posible que «unha obra tan importante como a do remate do corredor con Monforte aglutine o maior esforzo inversor en materia de infraestruturas de Galicia». O alcalde destacou que o PP «seguirá defendendo e ampliando as obras de encauzamento do río Sarria».

BARREIRO ANIMOU A «TRABALLAR DURO» PARA GAÑAR A COMARCA

• A comarca de Sarria foi o lugar elixido polo PP de Lugo para iniciar encontros de cara ás municipais. Na xuntanza do día 15 entre o presidente provincial e o secretario xeral con alcaldes, voceiros e edís dos concellos da comarca, Barreiro instounos «a traballar arreo para arrasar o 24 de maio». Barreiro destacou as maiorías absolutas de Paradela, Sarria e O Páramo, e dixo que «hai que dar un empuxón» en Láncara para lograr a maioría absoluta. Ademais, animou aos voceiros de Samos e O Incio, «a traballar duro para recuperar a alcaldía». En O Incio foi proclamado José Álvarez como candidato «que agrupa xuventude e compromiso, e coñecemento do día a día na súa labor como concelleiro».

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Colaboración entre Concello e Xunta en Sober para mellorar os espazos de acceso á Casa Consistorial

Seguinte Nova

A Confraría do Viño de Quiroga organiza un curso de poda en febreiro

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: