Pilar López Martínez, candidata do BNG á Alcaldía de Monforte

«Traballarei por unha cidade máis xusta, e iso implica pensar na xente antes que no partido»

A candidata do BNG Pilar López leva dende 2011 exercendo como concelleira de Servizos Sociais

Pilar López Martínez, candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á alcaldía de Monforte. EC
Pilar López Martínez, candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á alcaldía de Monforte. EC

Hai uns días, a Asamblea local do BNG de Monforte elixiuna como candidata ás municipais de maio. Contaba con este desenlace?

Efectivamente, o pasado día 23 de xaneiro a militancia do BNG de Monforte ratificou a miña candidatura á Alcaldía. O resultado é moi satisfactorio persoalmente, xa que contou cun apoio maioritario das bases, o que indica que a miña proposta é respaldada polas persoas máis importantes deste partido, as que o fan, as que sustentan as nosas siglas e a nosa ideoloxía.

O feito de que sexa a militancia a que opina sobre a idoneidade ou non dun candidato, outórgalle unha forza democrática inigualable á miña proposta. Por iso, estou especialmente agradecida a cada un dos militantes do BNG que estiveron alí ese día para amosarme a súa confianza. Traballarei duramente para non defraudalos.

O seu nomeamento conta co respaldo de Severino Rodríguez, alcalde de Monforte e que anunciou recentemente que non ía presentarse como candidato do BNG.

Si, dende o primeiro momento contei co respaldo de Severino para dar este paso. El confía moito na súa xente e no traballo conxunto realizado nestes anos, e nós cremos sinceramente no seu proxecto e na necesidade de continualo e melloralo, polo ben de Monforte e dos monfortinos. Severino é para min o meu mestre en política, o meu referente. Estou orgullosa de todo o que aprendemos xuntos, o un do outro, do que nos aportamos e, por suposto, de todo o que me permitiu vivir nestes catro anos de concelleira onde me achegou á verdadeira xestión pública, aquela na que se poñen sempre os intereses de cada veciño, por riba dos intereses particulares ou dun partido.

Con el aprendín que o Concello é a casa de todos e que as portas sempre deben estar abertas. Os monfortinos xa non conciben un Concello para uns poucos, como era antes da chegada do BNG. Nestes anos de traballo tamén aprendín a escoitar con atención a cada persoa que se achegou ata min, a entender as súas preocupacións e buscarlles resposta. Estamos aquí para traballar ao servizo de cada monfortino e iso non o esquecín nin un só minuto dos catro anos de traballo.

Este respaldo de Severino Rodríguez pode entenderse como unha continuidade no proxecto do BNG para Monforte?

Pode e debe entenderse como o convencemento pleno de que o proxecto que iniciamos hai 12 anos debe continuar e debe mellorar, e iso é a nosa responsabilidade. Queda moito por facer e é moito o que se leva feito nestes anos de traballo. Debemos continuar na liña que nos marcamos, seguir construíndo unha cidade máis social, máis xusta, máis igualitaria. Unha cidade para as persoas, na que poidamos vivir e non teñamos que ver os nosos fillos marchar porque non atopan traballo. Unha cidade segura, con actividades, con vida polas rúas. Unha cidade atractiva para visitar, con opcións, infraestruturas, comercio. Isto forma parte do proxecto do BNG, e eu creo neste modelo de cidade para a miña localidade.

Nacín en Monforte e son feliz aquí, vou dedicarme a esta cidade por enteiro, e quero que os meus veciños pensen o mesmo e poidan facelo. Ese será o meu éxito. Os que me coñecen máis de preto, saben que sempre foi así e seguirá sendo.

A súa experiencia como concelleira de Servizos Sociais dende 2011, con todas as dificultades derivadas da crise económica, canto vai contar na súa proposta como alcaldable?

Unha cidade social é aquela que respecta profundamente ás persoas e que dirixe todos os seus servizos ao seu benestar. Ese modelo de cidade é co que traballou sempre este equipo e é no que eu creo profundamente.

O goberno de Rajoy estanos a impoñer unha realidade que nós como equipo non queremos nin aceptamos, chea de recortes sociais, de restricións de dereitos fundamentais, de eliminación de axudas aos que máis o necesitan. O paro é unha realidade sangrante que non se pode maquillar, non podemos permitir que os nosos responsables políticos falen de éxito cando os nosos mozos se teñen que marchar porque non atopan traballo. Os desafiuzamentos, o empobrecemento das familias, dos nenos… Isto é o modelo antisocial do PP.

Eu traballarei por unha cidade máis xusta, e iso implica, pensar na xente antes que no partido.

A lista do BNG de Monforte está encabezada por tres mulleres, vostede, Alicia Cadarso e Mª Xosé Vega, as tres con ampla experiencia na política municipal.

Si, encabezamos a lista tres mulleres, o cal é certamente simbólico porque o BNG demostra que cre na capacidade da muller para dirixir a vida pública. Acompáñanme nos primeiros postos dúas mulleres cunha capacidade de traballo e xestión admirable, que son capaces de compaxinar a súa vida, a súa profesión e a súa familia coa dedicación a Monforte.

Elas representan a experiencia, e combinaranse perfectamente con máis experiencia e con caras novas cheas de ideas e renovación, estamos traballando na confección dunha candidatura que aposte por esta cidade.

Pepa e Alicia, son dúas persoas nas que confío porque cren verdadeiramente neste proxecto, porque coñecen o traballo feito e porque apostan por defender a voz de Monforte en todas partes.

Con Severino, esta cidade adquiriu voz propia, e por ese camiño continuaremos.

Como ve o panorama electoral de Monforte?

Moi vivo, e iso gústame. Penso que as novas opcións políticas demostran que a xente ten interese por traballar dende a política. O traballo político ben feito, implica solidariedade e entrega aos demais. Calquera opción política que teña intención de traballar dese xeito, poñendo os intereses dos veciños por riba do resto, para min é unha satisfacción.

Ademais, parece que hai movementos na esquerda, pero tamén dende a dereita coa opción de Julio Cortiñas ou Padilla, cando menos iso é o que puidemos ler na prensa nos últimos días. Iso supón que tamén a dereita pode ser máis cidadá. Para min é certamente interesante.•

 

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Completadas as melloras no Edificio Sociocultural de Ferreira

Seguinte Nova

Pedirán á Xunta «medidas urxentes» para evitar o «derrubamento definitivo» do Pazo de Diomondi

Últimas noticias sobre GALERÍA

   
A %d blogueros les gusta esto: