•Os novos usos deste edificio non se centrarán só na terceira idade, senón que buscan a relación interxeracional
•As obras de remodelación do Centro foron financiadas con fondos do Plan E, da Deputación de Lugo e do Concello de Monforte
• A finais de xaneiro tivo lugar a reapertura do Centro Cívico Social do Malecón en Monforte. O edificio, anteriormente coñecido como Centro da Terceira Idade, amosa un renovado aspecto, logo dos traballos de acondicionamento integral que melloraron a funcionalidade tanto no interior como no exterior desta construción. Deste xeito, a actividade do centro non se centrará exclusivamente nas persoas maiores, senón que procurará a relación interxeracional. Ademais, o edificio acollerá as oficinas dos Servizos Sociais Municipais, e do Centro de Información á Muller (CIM).
RENOVACIÓN COMPLETA DAS INSTALACIÓNS
Según explicou o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, a remodelación integral deste inmoble supuxo un investimento de 726.000 euros. O rexedor explicou que as actuacións efectuadas no exterior do edificio foron financiadas con 155.000 euros de fondos do Plan E, e incluíron a renovación de fachadas, carpinterías e cubertas, xunto coa supresión de barreiras arquitectónicas nos accesos do Centro.
Por outra banda, as actuacións realizadas no interior foron financiadas con 571.000 euros pola Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Monforte, constituíndo unha renovación total das instalacións e unha importante mellora nas condicións de aillamento térmico e acústico do edificio.
O alcalde destacou que o inmoble non reunía as necesarias medidas de seguridade para a realización de certas actividades, xa que era unha infraestrutura moi antiga e que quedara obsoleta a nivel funcional. Severino Rodríguez precisou que os 800 metros cadrados útiles que ofrece o edificio despois da súa remodelación permitirán concentrar nel tódalas actividades que se viñan realizando noutros espazos.
«LUGAR DE PARTICIPACIÓN PARA TODAS AS IDADES»
Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Pilar López, explicou que «a intención é transformar o edificio nun punto de encontro e de referencia para os maiores, ó tempo que se procurará que o Centro Cívico Social sexa un lugar participativo e aberto a persoas de tódalas idades». Por este motivo, o Centro Cívico Social non terá socios, como sucedía antes da remodelación do inmoble, xa que a intención é que todo o mundo poida acceder a estas modernas instalacións.
Pilar López explicou as características deste renovado edificio. A cafetería, situada na planta baixa, terá servizo de comedor e abrirá para o público en xeral entre as 7,30 e as 00,30 horas. Nesta mesma planta está o salón de actos, dotado con 90 butacas, equipo de son, proxector e ordenador. A planta soto está configurada como un salón diáfano para a realización de actividades como baile, ximnasia, teatro e outras que poida pór en marcha a cafetería. A primeira planta está destinada a servizos administrativos, con oficinas, sala de xuntas e de informática, e arquivos. Por último, a segunda planta está ocupada por unha sala de usos múltiples para a realización de diversas actividades.•