A Asociación O Colado do Vento traballará sobre alternativas de vida no rural

Na súa Asamblea Xeral anual, este colectivo anunciou as liñas globais de actuación para o bienio 2015-2016

O Colado do Vento intensificará este ano as súas actividades relacionadas con oficios do rural. (Foto cedida).
O Colado do Vento intensificará este ano as súas actividades relacionadas con oficios do rural. (Foto cedida).

• A finais de xaneiro, a Asociación soberina O Colado do Vento celebrou a súa Asamblea Xeral anual, na que se deu conta do traballo realizado en 2014, ademais de renovar a Xunta Directiva e deseñar o calendario de actividades para o bienio 2015-2016.

NOVA DIRECTIVA

En canto á xestión interna, este colectivo, que conta con 65 socios, presentou o seu balance de contas, no que se pechou o ano con superávit. En dita Asamblea procedeuse asimesmo á renovación da Xunta Directiva, que para o bienio 2015-2016 estará composta por Paula Vázquez Verao na presidencia, José María Lago Bornstein como vicepresidente, Julia Fernández Garza como secretaria, Teresa Grau de tesoureira, e como vocais figuran Rosana Prieto, Ramón Sandoval e Javier Vivirido.

MÁIS COMUNICACIÓN E PLANIFICACIÓN DAS ACTIVIDADES

Ademais, na Asamblea Xeral acordouse por unanimidade mellorar a páxina web da asociación, para dispoñer dun sitio web máis accesible e onde se poidan verquer a gran cantidade de contidos que produce este colectivo. En canto ás iniciativas que vai desenvolver a Asociación, tamén se aprobou na Asamblea Xeral a elaboración dun calendario semestral de actividades, para acadar unha mellor planificación das iniciativas deste dinámico colectivo.

REACCIÓN ANTE O DESPOBOAMENTO

A Asociación O Colado do Vento fixo unha reflexión sobre a realidade do despoboamento demográfico na comarca de Lemos, xa que «sen xente non hai cultura nin posibilidades de vivir o patrimonio», destacaron dende este colectivo. Neste sentido, O Colado do Vento anunciou que vai centrar os seus esforzos «en traballar sobre alternativas de vida e de traballo no rural, na concienciación sobre os problemas sociais da zona, e na relación co resto de asociacións da comarca».

No plan de traballo para 2015 e 2016, a asociación inclúe diversas iniciativas. As grandes xornadas, programadas con antelación, reúnen diversos aspectos, e nas que incluirá un posible roteiro polo Monforte de Lois Pereiro. Ademais, seguirán as rutas de sendeirismo, as xornadas de «turismo rural con fouce» para limpeza e reivindicación do patrimonio estragado, o traballo na horta ecolóxica e as conferencias. Ademais, ábrese unha rolda de iniciativas para impulsar o traballo e a vida no rural, como a concienciación sobre o alugueiro de casas e rehabilitación sostible, recuperar saberes e oficios tradicionais, e colaborar con recollidas de alimentos e necesidades básicas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Luis Fernández Guitián repite como candidato do Partido Popular ás municipais en Sober

Seguinte Nova

Os populares lucenses critican que a comarca de Sarria “non é prioritaria para Besteiro”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: