A Deputación dota gratis aos Concellos de novas prestacións tecnolóxicas e xurídicas

Reforzo do programa Innova-TE nos 49 concellos adheridos, e posta a disposición dos 67 municipios lucenses dunha base de datos con lexislación actualizada

• Os 49 concellos lucenses que participan no programa Innova-TE da Deputación van dispoñer de xeito gratuíto de novas prestacións tecnolóxicas e xurídicas para facilitar o desenvolvemento da súa actividade.

MÁIS CAPACIDADE TECNOLÓXICA PARA OS CONCELLOS, A CUSTE CERO

A Deputación, a través do CooperaTIC, iniciativa incluída no programa InnovaTE, ofrecerá a estes municipios a adquisición e instalación dun novo sistema software, a elixir polas entidades locais, por un valor máximo de 10.000 euros. As prestacións deste novo software inclúen módulos de interoperabilidade coa factura electrónica, aplicacións de contabilidade ou de xestión administrativa, e ferramentas de deseño, de xestión de redes sociais ou comunicación, ademais de programas de seguridade e antivirus, e solucións de almacenamento na nube, entre outras prestacións.

Con esta iniciativa, a Deputación de Lugo reforza a capacidade tecnolóxica dos concellos, logo de ter dotado aos municipios de prestacións como sede electrónica, páxinas web, sistemas operativos, paquetes ofimáticos, ou novos equipamentos. Estas melloras supuxeron un custe cero para os concellos, xa que o programa tecnolóxico Innova-TE está cofinanciado nun 80% pola Unión Europea.

ACCESO ON LINE E GRATUÍTO Á LEXISLACIÓN ACTUALIZADA

Por outra banda, dende a área de Cooperación e Asistencia ós Concellos do organismo provincial, ofrecen a todos os municipios lucenses o acceso a unha completa base de datos xurídicos, aforrándolles os 4.000 euros que suporía a cada entidade a compra deste material. Deste xeito, as administracións locais dos 67 concellos lucenses poderán consultar de balde toda a lexislación debidamente actualizada, así como a colección da xurisprudencia existente. A través do portal web www.deputacionlugo.gal, ademais desta base de datos xurídicos, os concellos acceden a servizos de asistencia en materia económica-financeira, urbanística, recursos humanos, contratación ou medio ambiente. Por esta vía, a Deputación atende ao ano unha media de 2.400 consultas municipais.

Os concellos do sur que se sumaron ao Innova-TE son Carballedo, Chantada, O Incio, Láncara, Monforte, Paradela, O Páramo, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada e Triacastela.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Completan o equipamento interior do Auditorio de Chantada

Seguinte Nova

Seguen a reclamar que o Hospital Universitario Lucus Augusti conte cun servizo de Hemodinámica as 24 horas

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: