Barreiro reuniu a alcaldes e portavoces da comarca de Lemos coa mirada posta nas eleccións municipais

O presidente dos populares lucenses asegura que «o PP está preparado» e confiou en que revalidará «a confianza dos veciños desta comarca» ampliando os apoios e o número de alcaldías

Reunión de alcaldes e voceiros do Partido Popular da comarca de Lemos, celebrada a finais de xaneiro na sede do PP de Monforte. (Foto cedida).
Reunión de alcaldes e voceiros do Partido Popular da comarca de Lemos, celebrada a finais de xaneiro na sede do PP de Monforte. (Foto cedida).

• O presidente provincial do Partido Popular, Jose Manuel Barreiro, reuniu o pasado 30 de xaneiro a alcaldes e portavoces da comarca de Lemos e municipios limítrofes, para abordar distintos asuntos, entre eles, as liñas de traballo a seguir de cara ás vindeiras eleccións autonómicas.

XERAR ACTIVIDADE ECONÓMICA E REFORZAR AS POLÍTICAS SOCIAIS A NIVEL LOCAL

O líder dos populares lucenses afirmou que «o Partido Popular está preparado, e tivo e terá os mellores equipos que seguirán traballando para ofrecer aos cidadáns as receitas para facer dos pobos e cidades da comarca de Lemos, lugares de alta calidade de vida, benestar e de crecemento económico».

Barreiro incidiu en que un dos aspectos fundamentais na acción de goberno dos populares «ten que seguir sendo xerar actividade económica para xerar emprego» e, por outro, reforzar as políticas sociais que terá un papel preponderante no ámbito local.

Nesta mesma liña, Barreiro salientou que a comarca de Lemos é «un dos espazos de investimento preferente da Xunta». Barreiro afirmou que «unha mostra disto está en que aquí se centra a partida de maior contía de toda a provincia», en referencia á dirixida ao remate do corredor Lugo-Sarria-Monforte, dotada con 18 millóns de euros, ademais da conexión do Porto Seco, diversas obras en estradas, e investimentos na mellora do patrimonio cultural.

«REVALIDAR A CONFIANZA MAIORITARIA»

O presidente popular manifestou que «o PP revalidará a confianza dos veciños desta comarca» nas próximas eleccións municipais, non só onde se goberna senón ampliando alcaldías. Barreiro afirmou que «isto será posible polo bo facer e exemplo que teñen amosado os alcaldes e alcaldesas do PP realizando un traballo excepcional nun moi complicado escenario económico, demostrando que un concello gobernado polo PP é sinónimo de progreso».

«Ese é o aval do PP, a pesar do escenario co que se enfrontaron os últimos anos, os nosos alcaldes e alcaldesas conseguiron facer un traballo de primeira corrixindo esa situación e sentando as liñas para aproveitar máis e mellor a recuperación», suliñou o presidente popular. Barreiro afirmou que «os alcaldes do PP son exemplo para toda a comarca».

No acto estiveron presentes, ademais dos alcaldes e portavoces dos municipios de Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober, os de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, así como o secretario xeral dos populares lucenses e coordinador de campaña, Jose Manuel Balseiro.•

Julia Rodríguez recollerá as propostas dos monfortinos en barrios e parroquias

O PP de Monforte celebrou a finais de xaneiro unha xornada de portas abertas na súa sede da rúa Hortas.(Foto cedida).
O PP de Monforte celebrou a finais de xaneiro unha xornada de portas abertas na súa sede da rúa Hortas.(Foto cedida).

• A candidata do PP á alcaldía, Julia Rodríguez, anunciou que vai recoller «as propostas dos monfortinos para o futuro da cidade en barrios e parroquias». Rodríguez avanzou esta estratexia durante a xornada de portas abertas que o Grupo Municipal do PP organizou na súa sede. «Queremos que tanto o programa como a candidatura sexan o resultado da opinión de todos, que sexa un proxecto de todos e para todos», puntualizou. A candidata agradeceu as suxerencias dos cidadáns e simpatizantes que se achegaron ata a sede, así como de colectivos e asociacións. «Esta é una fórmula moi adecuada para que todo o mundo participe no noso proxecto de cidade», sinalou.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Organizan en Bóveda un obradoiro do CENTRAD de elaboración de tapices en alto lizo

Seguinte Nova

Agader destinou preto de 32.000 euros a 3 proxectos en Folgoso do Courel

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: