• Neste programa provincial crearase un rexistro audiovisual de parte da historia da provincia a través dos testemuños dos nosos maiores
• O programa Memoria Dixital Tic-Tac chegou ao sur de Lugo, con sesións celebradas en Láncara e Monforte a finais de xaneiro. Este programa da Fundación TIC ten como obxectivo crear un rexistro audiovisual de parte da historia da provincia a través das testemuñas dos nosos maiores, que participan nesta iniciativa. Según explicou a deputada de Economía, Pilar García Porto, durante a súa visita ao centro Geriatros de Monforte, onde se desenvolveu un destes talleres, «este banco de recordos será unha oportunidade única para acceder ás historias dos nosos maiores». Na súa visita a Monforte, García Porto estivo acompañada polo director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, e polo voceiro municipal socialista, José Tomé.
RECOLLIDA DE TESTEMUÑOS A TRAVÉS DE TABLETS E REXISTRO DOS DATOS NUNHA PÁXINA WEB ESPECÍFICA
Según explicaron os responsables do programa Memoria Tic Tac, a iniciativa consta de nove talleres, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia, e está aberto á participación de centros de maiores, asociacións e veciñanza. Os participantes rexistrarán os seus recordos a través das novas tecnoloxías, empregando equipos como tablets, para o que contarán con apoio e asistencia de profesionais en todo momento. Posteriormente, a totalidade do material obtido publicarase nunha páxina web especialmente deseñada para a ocasión, permitindo así o acceso universal a este banco de recordos dos maiores da nosa provincia.
Grazas ás novas tecnoloxías todo o proceso para crear este banco de recordos resulta moi sinxelo. A través dunhas xornadas entretidas, os maiores son os protagonistas absolutos de todo o proceso, contando unha historia, facendo de entrevistador ou de cámara, ou enviando o material por internet.
ACHEGAMENTO DOS NOSOS MAIORES ÁS NOVAS TECNOLOXÍAS
Ademais do rexistro documental, o programa Memoria Tic Tac facilita a introdución do colectivo de maiores no mundo das novas tecnoloxías, facilitándolle aos participantes o acceso directo a unha tablet para que aprendan a manexala nos seus aspectos máis básicos.
O programa está incluído na actuación «Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia», que xestiona a Fundación TIC a través do Centro de Innovación Social InLugo no marco Innova-TE2, financiado nun 80% con Fondos Europeos.•