Seguen a reclamar que o Hospital Universitario Lucus Augusti conte cun servizo de Hemodinámica as 24 horas

Forzas políticas, sindicais e veciñais criticaron a actitude da Consellería de Sanidade ante esta situación O xefe de Cardioloxía do HULA declarou, nunha charla-coloquio no Pazo de San Marcos de Lugo, que unha Sala de Hemodinámica 24 horas no HULA tería «un impacto indubidable» na redución do índice de mortandade dos infartados

• A dotación de máis servizos para o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) continúa a ser unha das principais demandas no eido da saúde pública na nosa provincia. Logo de que o Goberno galego anunciase o mes pasado a inxección dunha partida económica extraordinaria para a adquisición de tecnoloxía médica nos hospitais galegos, e que suporá a implantación este ano do equipamento para Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, a terceira das demandas que se viñan facendo dende diversos sectores, e que piden un servizo de Hemodinámica as 24 horas, segue sen resolverse.

SANIDADE ESTÁ A CREAR «CIDADÁNS DE PRIMEIRA E DE SEGUNDA«

A comezos de febreiro, tivo lugar unha concentración diante do HULA para criticar a actitude da Consellería de Sanidade ante esta situación. Representantes provinciais socialistas, entre os que se atopaban o deputado Juan Carlos González Santín, a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, ou o alcalde de Lugo, José López Orozco, manifestaron o seu rexeitamento á visita que o día anterior realizara a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a Lugo. Acompañados polo presidente da Federación de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, e distintos representantes sindicais, os socialistas criticaron «decididamente» que Mosquera acudira a Lugo «para ratificar que os lucenses non precisan Hemodinámica as 24 horas». Según precisou González Santín, «trátase dunha afirmación escandalosa, xa que o que ten que facer a conselleira é defender por riba de todo a saúde das persoas». O deputado socialista afirmou que «o que veu a facer a conselleira a Lugo foi unha provocación», xa que, según precisou Santín, «sabemos que máis da metade das persoas que chegan ao HULA tardan alomenos 120 minutos, o tempo máximo para que non haxa secuelas». Por este motivo, considera que tanto a titular do SERGAS como o presidente da Xunta, «que é o último responsable de todo isto», o que están a facer é «crear cidadáns de primeira e de segunda».

O 60% DOS INFARTADOS LUCENSES TEÑEN QUE SER ATENDIDOS NA CORUÑA

A necesidade de incorporar este servizo ao HULA foi un dos temas tratados na charla-coloquio «O corazón dos lucenses», que a Deputación de Lugo organizou o 29 de xaneiro, e que despertou un gran interés cidadán, como demostrou o cheo absoluto do Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Durante esta charla, o xefe do servizo de Cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, explicou que as doenzas de corazón son a causa do 34% das mortes que se producen cada ano na provincia de Lugo. Esta estatística podería reducirse significativamente, según precisou este especialista, se o paciente fora atendido en menos de 120 minutos, algo que só ocorre en 1 de cada 3 casos de infartados lucenses. O prestixioso cardiólogo González Juanatey destacou que unha sala de Hemodinámica 24 horas no HULA tería «un impacto» indubidable na redución do índice de mortandade dos infartados, o 60% dos cales aínda teñen que ser atendidos en A Coruña. Ademais, o custo deste funcionamento continuo sería «perfectamente asumible» por parte da Administración autonómica, xa que só suporía un hemodinamista máis, según Juanatey. Contar cun servizo as 24 horas marcaría a diferencia entre unha boa atención e unha atención «óptima», precisou o especialista.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación dota gratis aos Concellos de novas prestacións tecnolóxicas e xurídicas

Seguinte Nova

Tres deportistas do Neka competirán coa selección galega no Open de Fuenteálamo

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss