•O prazo para solicitalas remata o 7 de marzo •Dende a Vicepresidencia provincial critican que “a Xunta destinara 300.000 euros ao vídeo de Enrique Iglesias, e cero euros ás asociacións culturais de Galicia dende 2011”

• O Boletín Oficial da Provincia aprobou o pasado 6 de febreiro as bases da convocatoria de axudas destinadas a cultura, para asociacións e colectivos lucenses, así como para concellos, e cuxo prazo de solicitude remata o 7 de marzo.
O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, precisou que a partida para estas axudas é de 540.000 euros, dos que 400.000 euros serán para as asociacións e colectivos culturais, e cubrirán tanto actividades anuais como eventos. Os 140.000 euros restantes serán para os concellos, destinando 60.000 euros para gasto corrente e 80.000 para pequenos equipamentos culturais. Veiga lembrou que o pasado ano recibíronse preto de 700 solicitudes, e se concederon 663 axudas.
O titular provincial criticou que “dende 2011 a Xunta non teña sacado ningunha liña de axudas para asociacións culturais”. Ademais, salientou que “Feijóo e o conselleiro de Cultura deberían pedir disculpas ao tecido asociativo galego por gastar 300.000 euros nun vídeo de Enrique Iglesias, e cero euros nas axudas a asociacións e colectivos culturais”. Veiga tamén criticou que “a Xunta destina este ano para o fomento da lingua galega nos concellos 245.000 euros, unha cifra tamén inferior aos 300.000 euros que vai levar este vídeo supostamente promocional de Enrique Iglesias”.•