• A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria executará un novo muro de contención na zona do patio do CEIP de Quiroga, cun investimento de preto de 15.000 euros. Durante a súa visita ao centro educativo, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, explicou que os traballos realizaranse no verán, para continuar a mellora iniciada hai uns meses coa reparación urxente do saneamento interior, e na que a Consellería xa investiu 31.000 euros.
Arias lembrou que durante esa primeira fase, constatouse a necesidade de reformar o muro de contención pola parte inferior do forxado sanitario como medida preventiva, aínda que non se atopa fisurado. Naquela intervención reformouse a instalación de saneamento do centro, separando as augas pluviais e fecais e canalizando estas últimas ao alcantarillado municipal. Para elo foi necesario substituír todas as tuberías e executar as necesarias gabias e arquetas. Nos vindeiros meses, cando as condicións meteorolóxicas o permitan, procederase tamén ao asfaltado do acceso á zona da cociña do colexio.•