A Deputación solicitou á Xunta sete accións formativas que beneficiarán a máis de 100 lucenses

•A programación contaría con dous obradoiros e cinco cursos, tres dos cales se impartirían no Pazo de Tor

 

A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, durante a rolda de prensa. GPDL.
A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez, durante a rolda de prensa. GPDL.

• A mediados deste mes, a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, anunciou que o organismo provincial participou na concorrencia a programacións autonómicas para a inserción laboral. Según explicou Méndez, a solicitude presentada pola Deputación beneficiaría a máis de 100 lucenses, ademais de impulsar o tecido socioeconómico da provincia.

IMPULSO DO TURISMO E DA ACTIVIDADE AGROGANDEIRA, E DO BENESTAR SOCIAL
A Deputación solicitou á Xunta un total de sete programacións, que inclúen dous obradoiros e cinco accións formativas, que teñen “un enfoque eminentemente social e económico, pensado tanto para favorecer o benestar social e o desenvolvemento equilibrado do territorio, como para impulsar sectores estratéxicos da provincia, como a actividade agrogandeira ou o turismo”.
Ademais, a solicitude da Deputación inclúe tres accións formativas de carácter social, que se desenvolverían no Pazo de Tor, en Monforte. Así, o curso Deseño de Medios Didácticos contaría con 98 horas; o de Dinamización de actividades de tempo libre educativo tería 328 horas, e o curso de Dinamización comunitaria estaría integrado por 628 horas lectivas. En total, estas tres accións beneficiarían a preto de 20 persoas. Méndez destacou a importancia do Pazo de Tor como “o centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural”.
Pola súa banda, a Granxa Gayoso Castro sería a sede doutras dúas accións formativas, centradas no sector agrogandeiro. Así, o curso de Xestión de Repoboación Forestal e Tratamentos Silvícolas estaría dirixido a 15 desempregados con 628 horas; e o de Gandería Ecolóxica iría destinado a 15 alumnos, cunha duración de 508 horas.

APOIO AO CAMIÑO DO NORTE
Ademais, a solicitude do organismo provincial inclúe un obradoiro vinculado ao turismo e outro aos servizos sociais. O obradoiro denominado “Obras de reparación da planta baixa do Mirador dos Paredones de Mondoñedo”, ofrecería 960 horas de formación e prácticas remuneradas a 16 lucenses. Esta iniciativa busca poñer en marcha o proxecto de conversión do mirador de Mondoñedo en albergue para peregrinos, xa que o actual só ofrece 24 prazas en instalacións obsoletas, polo que no verán hai que desviar aos peregrinos ao polideportivo municipal. Según apuntou Méndez, este proxecto permitirá dar un novo pulo ao Camiño do Norte, escollido por preto de 14.000 peregrinos só no 2014. A vicepresidenta segunda instou á Xunta “a implicarse co impulso do Camiño de Santiago ao seu paso pola nosa provincia”, posto que estas futuras instalacións supoñen “un importante pulo á desestacionalización do turismo e a posta en valor do patrimonio”.

SERVIZOS A MAIORES
O segundo dos obradoiros solicitados denomínase “Revitaliza aos maiores da provincia”, no que se impartirán 960 horas para 35 participantes. O obxectivo é dar formación especializada en servizos aos maiores da provincia.
Lara Méndez criticou que a Xunta veña denegando este tipo de solicitudes á Deputación lucense dende hai tres anos. “Feijóo poderá amosar algo de responsabilidade e preocupación polo benestar dos lucenses, sen negarlles un ano máis a posibilidade de atopar traballo”, afirmou Méndez.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A VOCEIRA DO PP NA DEPUTACIÓN MANTIVO UN ENCONTRO CON ALCALDES E PORTAVOCES DAS COMARCAS DE LEMOS E QUIROGA.

Seguinte Nova

Monforte busca poñer en valor os espazos medioambientais do casco histórico

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: