A xornada «Mo-vémonos á Pobra do Brollón» reunirá a máis de 250 persoas pertencentes a asociacións do sur de Lugo

Presentación da xornada "Mo-vémonos á...Pobra do Brollón", coa participación dos responsables provinciais e locais desta iniciativa. GPVDL.
Presentación da xornada «Mo-vémonos á…Pobra do Brollón», coa participación dos responsables provinciais e locais desta iniciativa. GPVDL.

 

•A xornada de convivencia ‘Mo-vémonos á… Pobra do Brollón’, que se levará a cabo no Pavillón Municipal da localidade a tarde do sábado 28 de febreiro, levará a este concello a máis de 250 persoas pertencentes a 15 asociacións das comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada. Esta iniciativa foi presentada en A Pobra polo vicepresidente primeiro da Deputación e responsable da Área provincial de Benestra e Deporte, Antonio Veiga, o alcalde de Brollón, Xosé Lois Maceda, o concelleiro de Cultura, Ricardo Rodicio, e a coordenadora do programa, Mercedes Reigosa.

15 ASOCIACIÓNS PARTICIPANTES CHEGADAS DE TRES COMARCAS
Veiga destacou que nesta actividade tomarán parte “máis de 250 persoas das preto de 300 que están inscritas neste programa nas comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada». Asemade, concretou que destas 250 persoas, “unhas 50 serán xente con capacidades diferentes e o resto maiores”.
Os participantes na xornada pertencen ás asociacións monfortinas Afamon, Agora, e Auxilia Monforte, así como da AMPA Brollón, a asociación Compalgo de Samos, e á Asociación de Mulleres Rurais de Carballedo. Ademais, acudirán persoas dos colectivos de Bóveda A Lagoa, Asociación de Veciños San Bernardo, Asociación M.M.R.R. Amencer, e Asociación San Cristóbal de Martín. Tamén haberá presencia de membros da Asociación Veciñal de O Saviñao, e da Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos. Dende Taboada, acudirán asociados e asociadas do colectivo cultural As Fachas, da Asociación de Veciños de Santa Mariña de Cerdeda, e da Asociación Cultural M.M.R.R. Santa Lucía.

PROGRAMA DA XORNADA «MO-VÉMONOS»
A xornada arrancará ás 15 horas coa saída dende distintos puntos destas comarcas dos buses que recollerán aos participantes nos seus concellos de orixe e os transportarán ata o pavillón Municipal de A Pobra do Brollón. O custo destes autobuses está sufragado integramente pola área de Benestar e Deporte da Deputación.
Ás catro da tarde realizarase a recepción das asociacións e ás 16,30 horas darán comezo as actividades físicas grupais, que inclúen mobilidade articular, baile latino, obradoiro de xoguetes tradicionais, taichí e aeróbic. Para as sete da tarde está programado o monólogo de Avelino González, e ás 19,45 horas terá lugar o acto de clausura da xornada. Posteriormente, os participantes degustarán uns petiscos para repoñer forzas, amenizados por unha actuación musical. Xa ás nove da tarde darase por pechada a xornada, e os autobuses devolverán aos participantes ás súas respectivas localidades.

ACTIVIDADE PARA TODOS
O alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, agradeceu que «a Deputación puxera en marcha este tipo de iniciativas, que axudan a achegar a aqueles concellos do rural e con menos posibilidades estes programas de lecer e odio encamiñados a un amplo sector da sociedade, xa que se dirixe a xente con discapacidade, como a maiores, nenos e xoves». Maceda suliñou tamén a importancia destas iniciativas «pola sociabilización que produce entre os distintos veciños da Pobra do Brollón e doutros concellos que se puxo en marcha». «Estas son as iniciativas e políticas que axudan a fixar e consolidar poboación no rural”, destacou o rexedor local.
Pola súa banda, Antonio Veiga lembrou que o programa Mo-vémonos conta con preto de 2.000 participantes en toda a provincia, e o seu obxectivo é achegar a actividade física e o seu benestar a toda a poboación, así como fomentar a interrelación persoal e social.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

•A maxia, protagonista de excepción no Entroido do IES Xograr Afonso de Sarria

Seguinte Nova

MARIBEL GARCÍA E ALFONSO GONZÁLEZ OPTAN Á CANDIDATURA DE ESPERTAMONFORTE! PARA AS MUNICIPAIS

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: