•Os perfís profesionais están relacionados sobre todo cos sectores agropecuario e forestal, informática e novas tecnoloxías, servizos sociais e turismo •A Deputación de Lugo destina 4,4 millóns de euros de fondos propios a este plan de emprego

• Dende o 23 de febreiro e ata o 3 de marzo está aberto o prazo de presentación de solicitudes para optar a un dos 248 contratos que ofrece o programa Ben Empregado!. Esta iniciativa provincial, para a que a Deputación de Lugo destina 4,4 millóns de euros de fondos propios, ofrece 248 postos de traballo durante un ano en 221 empresas e entidades sen ánimo de lucro da nosa provincia. Os sectores aos que se refiren estes contratos son o agropecuario e forestal, informática e novas tecnoloxías, servizos sociais e turismo.
A ZONA SUR, UNHA DAS DE MAIOR CONCENTRACIÓN DE EMPRESAS DESTE PLAN
O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, explicaron os detalles desta convocatoria. As empresas e entidades sen ánimo de lucro que participan nesta iniciativa foron seleccionadas por unha Comisión de Valoración formada en exclusiva por técnicos e en función de criterios de concorrencia competitiva. Das 221 entidades seleccionadas que recibirán axudas directas para a contratación de traballadores, 196 son autónomos, pemes e micropemes, e 25 entidades sen ánimo de lucro. A maior concentración destas empresas e entidades beneficiarias sitúase na comarca de Lugo, a zona sur da provincia, e a Terra Chá.
DEMANDAS DE EMPREGO POR SECTORES
O mandatario provincial explicou que os 248 perfís profesionais son «moi diversos, para satisfacer as necesidades laborais das empresas e organizacións que recibirán as axudas».
Gómez Besteiro suliñou que o sector agropecuario, forestal e medioambiental é o máis demandado, con perfís que varían dende peóns para explotacións gandeiras ata enxeñeiros agrónomos e forestais. Ademais, hai unha importante demanda de perfís vinculados ás novas tecnoloxías e internet, para persoas con titulacións e coñecementos de informática, marketing dixital e posicionamento en redes sociais.
Por outra banda, as demandas das empresas e entidades que participan neste plan solicitan tamén administrativos e titulados en administración de empresas. Os perfís de carácter social teñen asimesmo o seu espazo entre as peticións dos empresarios, con postos de educador e traballador social, psicólogo, e monitor de actividade física ou de tempo libre. Dende o sector da hostelería, as demandas apuntan cara a persoas con formación en turismo e xestión de eventos.
Gómez Besteiro apuntou que, ademais destas peticións sectoriais, a variedade de postos de traballo inclúe ofertas de xornalistas, biólogos, arquitectos, dependentes, mecánicos, ebanistas, empaquetadores ou hixienistas dentais. Ademais, as empresas valoran nos candidatos os coñecementos en prevención de riscos laborais e idiomas, sobre todo inglés, e un bo nivel de galego.
Entre os municipios do sur de Lugo con máis demandas laborais destacan O Saviñao, Carballedo, Monforte ou Sarria.
REQUISITOS PARA OPTAR A ESTES CONTRATOS
As bases da convocatoria dos 248 postos de traballo do programa Ben Empregado!, así como a relación de entidades beneficiarias, foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 21 de febreiro, e están dispoñibles tamén na web www.deputacionlugo.gal. Os solicitantes deberán ser maiores de 16 anos, estar empadroados nalgún municipio da provincia de Lugo e inscritos na correspondente oficina de emprego, e ter a capacitación ou titulación requirida para o posto ao que opta. Cada candidato poderá solicitar un máximo de dous perfís, que debe indicar na solicitude por orde de preferencia.
INCORPORACIÓN AOS POSTOS A FINAIS DE MARZO
Según precisou a vicepresidenta segunda da Deputación, o proceso de selección dos candidatos terá lugar entre o 4 e o 14 de marzo, e consistirá na valoración de méritos e o currículo, e nunha entrevista. O día 16 de marzo publicarase a lista de persoas seleccionadas, e comunicarase ás empresas e entidades a relación de traballadores asignados. As propias entidades ocuparanse da súa contratación, cumprindo coa modalidade contractual e pola xornada laboral establecida na solicitude da axuda. O contrato deberá formalizarse entre os días 23 e 27 de marzo, polo que “prevemos que estean nos seus postos de traballo a finais do próximo mes”, sinalou Lara Méndez.
Estes contratos subvencionados terán unha duración dun ano, “aínda que favorecemos que se alongue por máis tempo porque, na selección das entidades beneficiarias, puntuouse máis alto canto máis grande fose o compromiso para continuar cos contratos posteriormente”, apuntou Méndez. A vicepresidenta destacou que unha ducia destas entidades beneficiarias xa prevén contratar ao traballador unha vez finalice a subvención deste programa.
As axudas que a Deputación concede ás empresas para a contratación oscilan entre os 18.000 e 22.000 euros por contrato, e cubre tanto a nómina como a cotización á Seguridade Social.•