•O Concello solicitou á Xunta un obradoiro de emprego, denominado “Rutas verdes no casco histórico de Monforte” •28 alumnos contarán con formación remunerada neste obradoiro

• O Concello de Monforte formalizou este mes a solicitude á Xunta de Galicia do obradoiro de emprego denominado “Rutas verdes no casco histórico de Monforte”. Esta iniciativa, que se levaría a cabo de xuño a novembro deste ano, ofrecería formación e práticas remuneradas a un total de 28 alumnos, e a contratación de tres profesores a xornada completa, outro a media xornada, un director e un administrativo. O obradoiro inclúe as especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes; pavimentos e albanelería de urbanización; e instalación de elementos de carpintería.
PARQUE DA COMPAÑÍA, DE ZAPARDIEL, E ZONA FLUVIAL DO PARQUE DOS CONDES
O obxectivo deste obradoiro é a recuperación e posta en valor de espazos públicos no casco histórico, e a dinamización dos espazos medioambientais. Ademais do acondicionamento das zonas, estas quedarían unidas mediante unha ruta verde medioambiental, á que se daría forma con estes traballos.
As áreas incluídas no proxecto son o parque da Compañía, a zona fluvial do Parque dos Condes, e o parque Zapardiel. En canto á Compañía, preténdese reestruturar o seu parque, acondicionando a zona verde con sendeiros para o seu mellor disfrute pola cidadanía, e dotándoo dunha imaxe máis innovadora. A posta en valor dos restos arqueolóxicos atopados no parque Zapardiel é outro obxectivo do proxecto, para o seu aproveitamento turístico, medioambiental e patrimonial. A creación dunha ruta verde polo casco histórico de Monforte implicaría a instalación de paneis sobre a flora e fauna nas zonas fluviais do centro de Monforte, para exaltar o valor dos ríos como eixos das cidades.
CRÍTICA AO REDESEÑO DO XARDÍN DA COMPAÑÍA
A raíz desta xestión municipal, o voceiro socialista, José Tomé, declarou o seu apoio a este obradoiro “polo que supón de creación de emprego”, aínda que criticou de “erro” incluír a reforma do xardín da Compañía, xa que hai poucos anos que se realizou un “investimento importante” na súa mellora, que incluía a modificación dos viais interiores e a supresión dun paseo diagonal que tiña o pavimento de pedra.•