• O Equipo de Prevención da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Monforte coordinou un ano máis o programa «Ti serves, ti decides», sobre o servizo responsable de alcohol, e tivo lugar na Escola de Hostalería Belarmino Fernández, en Rosende. Este programa é unha iniciativa da FEBE (Federación Española de Bebidas Espirituosas), que ten como obxectivo difundir entre todos os futuros profesionais de hostalería, que venderán e servirán bebidas alcohólicas, unha serie de coñecementos e ferramentas sobre o alcohol, o seu servizo e a súa venda, que axuden a crear un ocio máis saudable e de calidade.
Nas sesións fórmase ós futuros hostaleiros acerca do servizo responsable de bebidas alcohólicas, coñecementos sobre alcohol, lexislación, métodos de servizo de bebidas que reducen os problemas, e o beneficio de aplicar o programa no seu negocio, entre outras cuestións.
Para impartir estas sesións desprazouse dende Madrid, como en anos anteriores, Jacobo Peña, responsable de formación da FEBE.•