A Xunta pon á venda en abril solo industrial no Porto Seco de Monforte co 50 por cento de desconto

Na súa visita ao polígono industrial, o conselleiro de Economía e Industria explicou que a cooperación do Goberno autonómico co tecido empresarial local mobilizou en Monforte 11 millóns de euros dende 2009

Entre as actuacións da Xunta, Lugo contará cunha aceleradora para pemes innovadoras

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a voceira municipal do PP en Monforte, Julia Rodríguez, durante a visita ao polígono do Reboredo, o 6 de marzo.  CEI.
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a voceira municipal do PP en Monforte, Julia Rodríguez, durante a visita ao polígono do Reboredo, o 6 de marzo. CEI.

 

• A comezos de marzo, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou o polígono industrial do Reboredo, en Monforte de Lemos, onde subliñou a importancia da cooperación co tecido empresarial local. Según explicou o titular autómico, o traballo conxunto levado a cabo nos últimos seis anos ten contribuído a mobilizar preto de 11 millóns de euros neste municipio, en ámbitos como a innovación, a internacionalización e o financiamento.

APOSTA POLA INNOVACIÓN E O EMPRENDEMENTO

Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e a portavoz do PP no Concello de Monforte, Julia Rodríguez, destacou que este «esforzo compartido» co empresariado da comarca está a permitir «apoiar diferentes proxectos de innovación e emprendemento». Conde adiantou que a provincia de Lugo contará cunha aceleradora de innovación, AgroBiotech, que achegará as pemes locais un completo programa de «tutelaxe, de mentorización e de impulso ao crecemento», coa posibilidade de acceder ao Fondo I2C, que está dotado con 15 millóns.

IMPULSO AOS SECTORES AGROALIMENTARIO, BIOTECNOLÓXICO E DA BIOMASA

Este espazo, aprobado o día 5 de marzo polo Consello da Xunta, ubicarase no Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL), e estará adicado aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa. «Trátase dun sectores moi vinculados á provincia de Lugo, e á de Ourense, que contará con outra aceleradora no Parque Tecnolóxico Empresarial», precisou o conselleiro. Ademais, Conde apuntou que «deste xeito, dase continuidade ás aceleradoras xa en marcha de Vigo, ViaVigo, e de Santiago, Galicia Open Future».

REBAIXAS DO PREZO DO SOLO INDUSTRIAL DENTRO DA AXENDA DA COMPETITIVIDADE INDUSTRIAL

«Seguiremos apostando pola Galicia do interior, e neste caso con proxectos moi concretos», resaltou Francisco Conde. Neste sentido, o titular de Economía e Industria lembrou as rebaixas na venda de solo empresarial que se están a impulsar no contexto da Axenda da Competitividade Industrial «Galicia Industria 4.0».

Según explicaron dende a Consellería de Economía e Industria, grazas a estes descontos, nos dous primeiros meses deste ano adxudicáronse preto de 90.000 metros cadrados de solo nos parques empresariais da provincia de Lugo. «Unha aposta que se mantén cunha nova fase de venta de solo que poñerá en marcha o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) no mes de abril, permitindo ás empresas interesadas en instalarse no Porto Seco de Monforte obter descontos do 50%», precisou Francisco Conde.

IMPORTANCIA DA COOPERACIÓN MUNICIPAL

O conselleiro avogou por seguir impulsando a cooperación municipal co obxectivo de que «siga dando novos froitos para avanzar no camiño da recuperación económica». Según Conde, este traballo conxunto permitiu impulsar actuacións no propio parque empresarial do Reboredo, con melloras centradas na depuradora de residuos industriais. Ademais, promovéronse distintas iniciativas no eido comercial, cooperando na mellora das infraestruturas comerciais ou no impulso ao asociacionismo no sector.•

Aposta pola innovación no novo centro Agrobiotech en Lugo

• O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o día 5 deste mes a creación de dúas novas aceleradoras para pemes innovadoras e empresas de base tecnolóxica galegas en fase de consolidación, que se ubicarán nas provincias que non contaban con ningún ata o de agora, Lugo e Ourense. «Interésanos seguir insistindo na innovación como fonte de creación de emprego e dun novo modelo económico despois da recesión», explicou Feijóo.

Estas aceleradoras buscarán favorecer o desenvolvemento de iniciativas vinculadas aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, «por entender que nestas provincias estes proxectos poden ter maior éxito», precisou o presidente. En Lugo, este espazo situarase no Centro Tecnolóxico Alimentario-CETAL.

Entre as vantaxes, Feijóo resaltou que, ao compartiren o mesmo espazo, «as empresas facilitarán a transferencia do coñecemento e o acceso á información entre as que traballan en rede», o que lles permitirá «incrementar a capacidade de captación de financiamento público non só galego e español, senón tamén europeo». Feijóo suliñou a importancia de que tamén existan aceleradoras de empresas na Galicia do interior, «e vinculadas a sectores que teñen capacidade de ubicación nesta zona». A Axencia Galega de Innovación destinará ao programa 750.000 euros, para beneficiar a 15 pemes innovadoras nuns espazos que teñen vocación de permanencia.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todo listo para celebrar a XXXV Feira do Viño de Amandi

Seguinte Nova

Ata o 20 de abril para inscribirse no IV Curso de Tecido Tradicional en Quiroga

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: