• Marzo arrincou en Pantón cunha apretada axenda de competicións de golf, tanto nas instalacións de Augas Santas como en compromisos deste equipo lucense en probas a nivel galego.O día 4, o equipo de Augas Santas, comandado por José A. Pérez Reñones e patrocinado por Adegas Abadía da Cova, participou na proba inaugural da Ruta do Viño de Golf 2015, organizada pola Asociación Senior Gallega Ruta do Viño e disputada no Real Aeroclub de Vigo, coa participación de 12 equipos. O combinado de Augas Santas, liderado por Reñones, acadou un meritorio segundo posto, por detrás do vixente campión, o Val de Rois de Padrón. A proba final deste circuíto Ruta do Viño de Golf 2015 terá lugar no campo do OCA Augas Santas.
VICTORIA LOCAL NA PROBA DA LIGA COSTAS GALICIA
As instalacións de Pantón acolleron, o 7 e 8 de marzo, a proba Foursome da Liga de Parellas Costas Galicia. Os xogadores locais Manuel Sánchez «Barce» e José L. Sánchez «Grande» acadaron o triunfo, e o segundo posto tamén quedou na casa, con Fátima Franco e Nacho Domínguez. Trala cuarta proba, e a falta de dúas para completar esta Liga, a clasificación está encabezada polos vigueses Román Lorenzo e Fernando Moldes, seguidos de José E. Blanco e Samuel Rubinos, e en terceiro lugar Manuel Sánchez e José L.Sánchez.•