•Con estas cifras, Galicia cuadruplica a media estatal
• Máis de 38.000 fogares e empresas dos núcleos obxectivo das redes de nova xeración do Plan de Banda Larga teñen contratadas conexións de 100Mbps. Esta cifra supón o 10,4% dos fogares destas zonas, 4 veces máis que a media estatal, que non chega ao 2,6%.
Estes datos sitúan a Galicia como unha das primeiras Comunidades no grao de cumprimento dun dos obxectivos da Axenda Dixital Europea, que é acadar a metade dos fogares europeos conectados a redes de 100Mbps no ano 2020. Os avances son o resultado das actuacións incluídas no Plan de Banda Larga da Xunta, desenvolvidas en colaboración co operador R, que conseguiron que máis de 1.400.000 galegos teñan acceso a redes de fibra óptica de ata 200Mbps.
As redes despregadas, ademais de mellorar a calidade de conexión á Internet en 101 concellos galegos, permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos, e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións.
Galicia foi unhas das primeiras comunidades da Unión Europea que subvencionou a implantación de redes de nova xeración, conseguindo que fosen despregadas en preto de 200 núcleos de máis de 500 habitantes, fóra das grandes cidades. Esta actuación contou cun investimento conxunto da Xunta e R de máis de 130 millóns de euros na nosa Comunidade.•