•Os deputados socialistas lembraron que as asociacións veciñais e culturais de A Pobra do Brollón e Chantada levan anos loitando para acadar este recoñecemento da administración autonómica
• Os deputados lucenses Vicente Docasar, Juan Carlos González Santín, e Concepción Burgo veñen de presentar dúas Proposicións non de Lei para instar ao Goberno galego a declarar como Festa de Interese Turístico Galego os entroidos de Salcedo, no concello de A Pobra do Brollón, e o Entroido Ribeirao, en Chantada. Estas proposicións xa foron dadas a coñecer aos representantes das asociacións organizadoras, e súmanse a unha serie de preguntas que o Grupo Socialista na Cámara autonómica presentou ao Goberno galego para saber que requisitos deben cumprir os entroidos de Salcedo e o Ribeirao para acadar a súa declaración como Festa de Interese Turístico Galego.
ESTE RECOÑECEMENTO SUPORÍA «UN FORTE IMPULSO ECONÓMICO PARA A ZONA SUR DE LUGO»
Os socialistas explicaron que con esta iniciativa «damos resposta a unha reivindicación case que histórica», pois estes festexos alcanzaron unha «alta relevancia» como atractivo turístico de Galicia. O deputado Vicente Docasar precisou que «por este motivo solicitamos o apoio do Parlamento galego, xa que a súa declaración suporá un forte impulso económico para estes concellos e para toda a zona sur».
EN SALCEDO LEVAN «SEIS ANOS ESPERANDO UNHA RESPOSTA DA XUNTA»
No caso do Entroido de Salcedo, a actuación dos deputados do PSdeG-PSOE responde ás queixas dos representantes da asociación de veciños que organiza esta celebración, xa que levan seis anos agardando a que a Xunta de Galicia lles diga se poden contar ou non coa distinción oficial de Festa de Interese Turístico Galego. Os socialistas teñen constancia que a asociación rexistrara no seu día a documentación pertinente para a súa declaración, así como un estudo pormenorizado no que se abordaba a orixe, o significado do ritual e documentación gráfica sobre o evento, pero non se recibiu resposta ao respecto.
Por outra banda, e logo dunha xuntanza coa Asociación de Amigas e Amigos do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba, os deputados socialistas constataron que este colectivo leva varios anos loitando para acadar un recoñecemento institucional para esta ancestral festa. As axudas que reciben para celebrar este Entroido proceden da Deputación de Lugo, que aporta 4.000 euros, e do Concello de Chantada, que aporta 600 euros, «pero nada da Xunta de Galicia». Os socialistas reclaman que «o Goberno de Feijóo concrete o proceso e aclare a documentación que teñen que aportar» para que o Entroido Ribeirao sexa declarado Festa de Interese Turístico Galego».•