Todo listo para celebrar a XXXV Feira do Viño de Amandi

Este ano, o convidado de honra será o Concello de A Teixeira Música, charlas, degustacións e promoción centran os actos do Mes de Amandi O presidente do Atlético de Madrid, Enrique Cerezo, será o pregoeiro desta edición Durante a celebración da feira, o concello organiza un concurso de selfies, que estarán relacionadas coa viticultura, e a mellor foto recibirá un lote de viños das adegas participantes O debuxo da alumna do CEIP Virxe do Carme Lisbeth Sánchez Díaz ilustrará as 10.000 pegatinas que se repartirán durante os dous días de feira

A presentación dos actos da XXXV Feira do Viño de Amandi e do cartel anunciador tivo lugar a finais de febreiro no Miradoiro de Santiorxo. O acto contou coa presencia do alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; a xefa provincial de Turismo, Paloma Vázquez;  o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto; e a autora do debuxo que ilustra o cartel deste ano, a monfortina Andrea Rodríguez López. (Foto cedida).
A presentación dos actos da XXXV Feira do Viño de Amandi e do cartel anunciador tivo lugar a finais de febreiro no Miradoiro de Santiorxo. O acto contou coa presencia do alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; a xefa provincial de Turismo, Paloma Vázquez; o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto; e a autora do debuxo que ilustra o cartel deste ano, a monfortina Andrea Rodríguez López. (Foto cedida).

• Marzo comeza a tempada de celebracións enolóxicas no sur de Lugo, e en Sober teñen todo listo para a Feira de Amandi, a cita decana do calendario de festexos do viño, e que este ano acada a súa trixésimo quinta edición. A fin de semana do 28 e 29 de marzo terá lugar esta feira emblemática, na que participan 22 adegas, e que terá como pregoeiro a Enrique Cerezo, presidente do Atlético de Madrid e produtor cinematográfico. Según explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, «Enrique Cerezo é un personaxe destacado e coñecido, e o noso obxectivo é que os pregoeiros poidan difundir todos os nosos tesouros, e cremos que Cerezo pode levar o noso nome e o do noso viño polo mundo enteiro». A lectura do pregón será o domingo 29 ás 13 horas.

O CARTEL DA FEIRA DE AMANDI, PREMIADO NA MOSTRA XANTAR

Dentro da promoción da Feira de Amandi, o cartel anunciador estivo asinado pola monfortina Andrea Rodríguez López, gañadora do concurso convocado a tal efecto polo Concello. Ademais, este deseño recibiu o primeiro premio do V Concurso de carteis de Festas Gastronómicas celebrado o 6 de marzo no marco da feira Xantar, en Expourense. O tirón deste cartel quedou de manifesto nas máis de 15.100 visitas que tivo a imaxe no facebook do Concello de Sober en tan só tres días. Según informaron dende o Concello, o cartel obtivo 268 «Me Gusta» e foi compartido por 182 perfís, entre os que están a páxina do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra ou o Centro do Viño de Monforte.

EN MARCHA O MES DE AMANDI

Como vén sendo tradicional, o Concello de Sober organiza unha serie de actos previos aos días da Feira do Viño, e que baixo a denominación «Mes de Amandi» inclúen eventos musicais, degustacións, charlas e actos promocionais, como a presencia do stand da Feira na mostra Xantar de Expourense, a primeira semana de marzo. O primeiro venres do mes, a sesión das Merendas con Contos, que organiza a Biblioteca Municipal de Sober, estivo adicada ao viño, cunha visita dos nenos e nenas participantes a unha adega de Amandi. A música será a protagonista da xornada do 14 de marzo, cun concerto de arpa a cargo de Olga Benito, organizado en colaboración coas Xuventudes Musicais de Sober, e que inclúe unha degustación de viño de Amandi. A enoloxía terá o seu espazo o día 18, coa xornada técnica «Claves para vender máis e mellor o viño. Marketing do viño», que organiza o Concello coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. O domingo 22, o programa «Come e fala» da Radio Galega retransmitirase en directo desde a Praza do Concello de Sober. As actividades do Mes do Amandi rematan o día 25, data na que a Escola de Hostalería de Rosende acollerá unha xornada de maridaxe de viño de Amandi con merluza do pincho de Celeiro.

A nena soberina Lisbeth Sánchez Díaz, de 11 anos e alumna do CEIP Virxe do Carme de Sober, gañou con este deseño o I Certame de Debuxo Infantil da XXXV Feira do Viño de Amandi. (Foto cedida).
A nena soberina Lisbeth Sánchez Díaz, de 11 anos e alumna do CEIP Virxe do Carme de Sober, gañou con este deseño o I Certame de Debuxo Infantil da XXXV Feira do Viño de Amandi. (Foto cedida).

ACTOS DA XXXV FEIRA DE AMANDI

A XXXV Feira do Viño de Amandi comezará o sábado 28 de marzo, coa apertura oficial a cargo de Adega Malcavada en lembranza do seu fundador, Antonio Vázquez. Posteriormente, actuará o Grupo de Música Tradicional do Agadic, e xa pola tarde, das 16,30 ata as 19,00 horas a TVG retransmitirá en directo o programa «Aquí Galicia» desde a Praza do Concello, con entrevistas, actuacións de orquestras e humoristas. A continuación, actuará a Banda de Música de Sober e a charanga Madialeva. A precata oficial comezará ás cinco e media, e xa pola noite voltará a música da man do grupo Os Festicultores.

O domingo 29 iniciarase con bombas de palenque e pasarrúas por parte de charangas e da Banda de Música de Sober.

Ás once e media comezará a cata oficial, e tamén a misa solemne coa bendición de ramos na Igrexa de Sober. Ao remate, Enrique Cerezo lerá o pregón da feira. Pola tarde, voltará a música de charangas, e ás sete e media a actuación da orquestra Los Satélites porá fin á xornada festiva.

AMANDI E AS NOVAS TECNOLOXÍAS

Como novidades, o Concello de Sober organiza un concurso de selfies, que deberán realizarse durante os dous días da feira, e relacionados coa viticultura. A persoa premiada recibirá un lote de viños de Amandi. O Concello tamén puxo en marcha un concurso na súa páxina www.facebook.com/concello.desober, no que poderán participar todos os seguidores desta rede social. A persoa que resulte agraciada levará como obsequio un lote de produtos de Amandi.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Centro Verde de Monforte xestionou máis de 91.000 quilos de residuos en 2014

Seguinte Nova

A Xunta pon á venda en abril solo industrial no Porto Seco de Monforte co 50 por cento de desconto

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: