•A proba absoluta comezará ás 17,00 horas, e as categorías menores sairán a partir das 16,15 horas
• O venres 3 de abril terá lugar a XI Carreira Popular Feira do Viño de Quiroga, puntuable para o IV Circuíto Leader Ribeira Sacra 2015 e o Circuíto de Carreira Populares Correr en Galicia. Esta carreira, organizada polo Concello de Quiroga dentro do programa de actos da XXXIII Feira do Viño, desenvolverase en horario de tarde. Así, as carreiras das categorías menores sairán a partir das 16,15 horas, e a proba absoluta dará comezo ás 17,00 horas.
As inscricións da carreira absoluta deberán realizarse a través da web www.championchipnorte.com, antes do 1 de abril ás 14,00 horas. Os participantes nas categorías menores poden anotarse no fax 982 428 808, ou por correo electrónico na dirección quirogadeportes@hotmail.com, indicando o nome e apelidos do participante, data completa de nacemento, sexo, e clube ao que pertence. As categorías menores tamén aceptarán inscricións o mesmo día da proba de 14,30 a 16,00 horas diante da Casa do Concello. A recollida de dorsais realizarase o día da proba no Concello, en horario de 12 a 13 , aínda que tamén poderán recollerse dende as 14,30 horas ata media hora antes de cada proba.
Nas categorías menores, a saída dos Pitufos (nados en 2011 e posteriores) será ás 16,15 horas, cun percorrido de 100 metros. Ás 16,20 horas sairán os Prebenxamíns (nados en 2008, 2009 e 2010), correndo 500 m., e tamén os Benxamíns (nados en 2006 e 2007), co mesmo percorrido. A categoría Alevín (nados en 2004 e 2005) sairán ás 16,25 horas, cun percorrido de 1.000 m. Ás 16,30 comezará a proba Infantil (nados en 2002 e 2003) e Cadete (nados en 2000 e 2001), con 2.000 metros.
A entrega de trofeos e medallas será diante do concello sobre as 18,30 horas. Todos os participantes recibirán unha camiseta, e os primeiros clasificados unha botella de viño cortesía de Bodegas Mondelo.•