Monforte celebrará a XIII Feira Medieval o 4 e 5 de abril

Inscrición ata o día 30 nos concursos de decoración de tendas e balcóns, e ata o 4 de abril no de traxes

A Feira Medieval de Monforte estase a consolidar como un dos eventos de época máis atractivo da provincia de Lugo. (Arquivo EC).
A Feira Medieval de Monforte estase a consolidar como un dos eventos de época máis atractivo da provincia de Lugo. (Arquivo EC).

• A primeira fin de semana de abril será a cita coa historia na XIII Feira Medieval de Monforte de Lemos. Esta celebración estase a consolidar como un dos eventos de época máis destacados de toda a provincia. O numeroso público que, ano tras ano, enche as rúas monfortinas, e a boa acollida dos comerciantes, artesáns e hostaleiros participantes, levaron á organización a engadir dende a pasada edición un día máis a esta festa.

Un dos principais atractivos da Feira Medieval de Monforte reside na ambientación de rúas e dos postos que ofrecen produtos de gastronomía, artesanía ou actividades. Asimesmo, cada ano son máis os veciños e veciñas que se integran neste gran escenario medieval caracterizados de época, e convirten un paseo por Monforte nunha auténtica viaxe no tempo.

ESTÍMULO Á PARTICIPACIÓN DA CIDADANÍA E DO COMERCIO LOCAL NA AMBIENTACIÓN DA FEIRA MEDIEVAL DE MONFORTE

Para estimular esta participación, e facer aínda máis atractiva a Feira Medieval, dende o Concello de Monforte están a promover diversos concursos que premian a caracterización individual e tamén a ambientación de espazos comerciais. Estes concursos están abertos á cidadanía e aos comerciantes locais, que deberán inscribirse no certame correspondente atnes do 30 de marzo. No caso do concurso de traxes, o prazo prolóngase ata ás 13 horas do mesmo día do concurso, o 4 de abril. As solicitudes poden descargarse na páxina web municipal, www.monfortedelemos.es, e deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte.

IV CONCURSO DE TRAXES O SÁBADO DÍA 4

Este ano, convócanse un total de catro concursos. O xa tradicional Concurso de Traxes Medievais, que xa acada a súa cuarta edición, desenvolverase na xornada do sábado 4 de abril. Este certame ten como obxectivo premiar as mellores vestimentas inspiradas no medievo, e incentivar a participación cidadá na ambientación dos espazos e nas actividades que compoñen o programa da Feira Medieval. Este concurso de traxes inclúe dúas categorías, infantil ata 12 anos e adulto, cada unha con tres modalidades: individual, parellas e grupos a partir de 5 compoñentes. O Concello de Monforte destina 875 euros para os premios da categoría adulto, e 550 euros para a categoría infantil.

II CONCURSO DE DECORACIÓN PARA COMERCIOS E HOSTALERÍA

Co mesmo obxectivo de incentivar a integración no desenvolvemento da Feira Medieval, sobre todo daqueles establecementos situados en zonas máis alonxadas do propio ámbito da celebración, o Concello de Monforte vén de convocar o II Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros. Neste concurso, o Concello destina un total de 375 euros para os tres premios á mellor decoración medieval.

I CONCURSO DE DECORACIÓN DE BALCÓNS

Unha das novidades da XIII Feira Medieval de Monforte é a convocatoria dun Concurso de Decoración de Balcóns, extensible a todo o territorio da cidade de Monforte, e cuxo decorado deberá cumplir coa estética medieval e estar exposto como mínimo do 2 ao 5 de abril. O Concello destina un total de 225 euros para premiar aos tres mellores balcóns decorados.

Dende o Concello precisaron que os premios destes tres concursos entregaranse en vales de compra no comercio local.

Ademais, este ano convocouse a segunda edición do concurso de axudas para confeccionar o traxe medieval. Este concurso radiofónico, que se desenvolveu en Radio Principal do 9 ao 20 de marzo, outorgou axudas por valor de 40 euros destinadas a mercar ou confeccionar a vestimenta que se vai lucir na Feira. Este concurso contou coa colaboración de catro establecementos de venda de tecidos e traxes medievais, onde se farán efectivos os premios a través de vales de compra. O Concello de Monforte destinou un máximo de 2.400 euros a este concurso, no que puideron participar ata 60 persoas, empadroadas na cidade de Monforte, e que non tiveran gañado premio na pasada edición deste concurso.•

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A XXXIII Feira do Viño de Quiroga terá como pregoeira a Rocío Carrasco

Seguinte Nova

Un pobrense na corte do Rei Ricardo III

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: