Todo listo en Sarria para a IV Feira de Antigüidades da Eurorrexión-XX Feira de San Lázaro

A rúa do Porvir encherase de actividades, e Casa da Cultura acollerá varias exposicións e talleres

A IV Feira de Antigüidades da Eurorrexión-XX Feira de San Lázaro contará coa participación de 6 expositores locais e outros 13 procedentes de diversos puntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. (Arquivo EC).
A IV Feira de Antigüidades da Eurorrexión-XX Feira de San Lázaro contará coa participación de 6 expositores locais e outros 13 procedentes de diversos puntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. (Arquivo EC).

• A fin de semana do 4 e 5 de abril, a rúa do Porvir de Sarria acollerá a IV Feira de Antigüidades da Eurorrexión-XX Feira de San Lázaro, nunha cita fundamental no calendario do sector en Galicia, e que recibe este ano a visita de 13 expositores de Galicia-Norte de Portugal, ademais de contar coa presencia de seis expositores sarriáns. Este mercado urbán, que engloba coleccionismo e antigüidades, está organizado polo Centro de Antigüidades e Restauración (CRAR) do Concello de Sarria, que ofrecerá aos visitantes toda a información sobre este evento no stand que o Eixo Interior instalará na rúa do Porvir. Tamén neste espazo estarán presentes o Centro de Produtos Tradicionais do Barco de Valdeorras, e o Centro de Mercados Tradicionais de Barcelos (Portugal), integrantes xunto ao CRAR do proxecto Eixo Interior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Para dinamizar as carpas da Rúa do Porvir, o Colectivo de Anticuarios de Sarria organiza un sorteo dunha peza entre os compradores de calquera dos expositores presentes na Feira.

EVENTOS NA CASA DA CULTURA

Este ano, dende a organización da Feira enriqueceron o programa de actividades con novos eventos. Así, a Casa da Cultura será o escenario de oito exposicións e obradoiros ao longo da primeira fin de semana de abril. A Asociación de Palilleiras do Camiño de Santiago ofrecerá unha exposición dos seus traballos en bolillo, e neste mesmo espazo poderá verse unha mostra de bordados de Filomena Losada, ademais dunha selección dos traballos de costura creativa de Aurora Rodil. Como novidade, tamén haberá unha exposición de fotografías de Sarria, firmadas por Víctor López Villarabid, ademais dunha mostra de maquetas en pedra natural de José Luis Arias López, e outra de figuras de ferro, obra de Francisco Vázquez Franco. O horario das exposicións será de 11 a 14 horas, e de 16 a 20 horas, o sábado e domingo da Feira. A Casa da Cultura tamén acollerá un obradoiro de xoguetes tradicionais con material de reciclaxe para nenos, o sábado de 17 a 20 horas.

As actividades tamén estarán presentes nas carpas da rúa do Porvir. Como vén sendo tradicional, o alumnado da Asociación Sarricanta organiza unha exposición e demostración de traballos de talla en madeira ao longo da xornada do domingo, en horario de mañá e tarde. A cesteira Lola Tourón dará a coñecer os seus traballos mentres realiza diversas pezas na carpa da Feira, o sábado e domingo de 11 a 20 horas. A tasación e valoración de pezas estará presente na Feira da man da firma Galantiqua Arte y Antigüedades, durante toda a fin de semana, en horario de 11 a 20 horas. O baixo da Casa do Vento, situada no número 50 da Rúa do Porvir, acollerá o Espazo Etnográfico do Viño, con exposición e actividades lúdicas os dous días da Feira, en horario de 11 a 20 horas. Como xa sucedeu na pasada edición, a Feira da Rúa do Porvir contará coa presencia do taller-expositor Cerâmica Normand, da localidade portuguesa de Barcelos, onde se realizarán diversas demostracións de olería, ademais de ofrecer os seus produtos á venda. Este taller estará aberto o sábado e domingo de once a oito. Ademais, o pintor local Rodim abrirá as portas da súa exposición na rúa de San Lázaro, toda a fin de semana de 11 a 14 horas, e de 16 a 20 horas. Tamén se poderá visitar o taller de Germán Luthier, na rúa Marqués de Ugena, o sábado e domingo en horario de tarde, para coñecer de primeira man o seu traballo de luthería medieval.

A música estará a cargo de grupos tradicionais. Así, o sábado a partir das seis da tarde, a asociación local Peleriños ofrecerá unha sesión de música e danza tradicionais, e o domingo á mesma hora tomará o relevo a agrupación folclórica local Meigas e Trasgos. Asimesmo, haberá unha representación teatral, a cargo da Aula de Teatro do Concello de Sarria.•

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Cooperación entre administracións en beneficio dos pequenos concellos do rural

Seguinte Nova

A XXXIII Feira do Viño de Quiroga terá como pregoeira a Rocío Carrasco

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: