Un pobrense na corte do Rei Ricardo III

Sergio Rodríguez González asistiu en Leicester aos actos de honra do famoso monarca británico

•O xove filólogo é o director educativo da Casa das Linguas de A Pobra do Brollón •Foi invitado a honrar a memoria do rei Ricardo III, inmortalizado por Shakespeare como o exemplo da crueldade humana

Sergio Rodríguez González posa xunto ao monumento a Ricardo III nos xardíns da Catedral de Leicester, no Reino Unido, con motivo dos actos de honra da figura deste monarca. (Foto cedida: S.R.G.).

 

Sorprendeu a súa presencia en Leicester, Gran Bretaña, para asistir á homenaxe ao rei Ricardo III. Cóntenos como viviu un filólogo de Brollón estes fastos na honra do monarca británico inmortalizado por Shakespeare.

Dende que era un cativo sentín un interese especial polo mundo do inglés, incluso as persoas máis cercanas opinan que é unha obsesión. A medida que fun medrando intelectualmente os meus gustos fóronse definindo, dentro do amplo campo da filoloxía inglesa, pola Historia e a Cultura das Illas Británicas, intentando ter coñecementos sobre todos os seus puntos. En concreto, teño un especial interese polo período histórico relacionado co Rei Ricardo III (1452-1485), e por iso, para min foi todo un honor poder honrar a memoria de Ricardo III en Leicester coa Sociedade Ricardo III, xa que na miña opinión, é xustiza honrar a memoria do último rei Plantagenet, morto en batalla contra Enrique Tudor, quen deformou a súa reputación para afianzarse no trono e convirtindo a Ricardo III en víctima dunha mala propaganda, ata o punto de ser definido polo propio William Shakespeare como un «traidor monstruo e xorobado.» Pero agora, gracias ao bo e duro traballo de arqueólogos e historiadores como Philippa Langley, quen para min é un referente a seguir, así como o de Annette Carson e John Ashdown-Hill, os seus restos mortais, atopados nun aparcamento, descansan agora na Catedral de Leicester, Reino Unido, con dignidade e honor.

Se tivera que contar aos seus alumnos da Casa das Linguas de A Pobra a súa recente experiencia no Reino Unido, que lles destacaría?

Os meus alumnos saben que para min o Reino Unido é como unha segunda casa, pero creo que o primeiro que lles diría aos meus estudantes é que os soños son posibles con esforzo e vocación, xa que a miña paixón dende neno pola Historia e a Cultura das Illas Británicas fixo que o meu traxecto vital tivese unha parada en Leicester para formar, en certo modo, parte da Historia inglesa. Con isto pretendo darlles un exemplo de que vivir no rural non pon fronteiras cando se trata de educación.

Levar o estudio das linguas europeas e a investigación da súa cultura ao rural lucense, como fai vostede na Casa das Linguas de A Pobra do Brollón, chama a atención. Como xurdiu a idea?

Foi unha idea que moitos poden interpretar como unha tolería, sobre todo tendo en conta a miña idade, pero creo que hoxe a maioría dos meus estudiantes opinan que iso foi froito, primeiro, dunha gran vocación pola educación e, despois, por aumentar a oferta formativa en A Pobra do Brollón, cubrindo certas necesidades educativas, como estudar un idioma aquí, porque ata hai uns anos tiñas que desplazarte como mínimo ata Monforte.

A Casa das Linguas creouse tralo remate do Programa Conciénciate da Pobra do Brollón, no que se realizaban diversas actividades, entre elas, cursos de inglés onde eu era o profesor. Trala finalización deste programa, e dado o interese da xente por continuar coa súa formación en inglés, naceu a Casa das Linguas a través da Asociación Ítaca, creando un centro de ensinanza de idiomas non regrada. Sen dúbida, a tarefa da creación da Casa das Linguas non foi doada, pero tampouco o é mantela, xa que os recursos son pequenos, aínda que o noso equipo educativo traballa continuamente para poder facer da Casa das Linguas unha Casa de verdade, onde a porta está aberta a todas as personas con vontade de aprender.

Que idiomas son os máis demandados? Cal é a motivación que leva a un veciño ou veciña a anotarse na Casa das Linguas de Brollón?

Actualmente, a Casa das Linguas oferta español para estranxeiros, alemán, inglés e francés. Debido ás características e número da poboación deste concello, non ofertamos toda a gama de cursos e especialidades en cada ano. A oferta educativa componse de cursos en lingua estranxeira que duran de Setembro a Xuño, e cursos máis breves, aínda en proxecto, relacionados coas áreas de estudo da filoloxía como formación complementaria: cursos de cultura alemá, inglesa ou francesa. Tamén está en proxecto a oferta de cursos intensivos en verán de nivel básico, pero dependerá dos recursos, así como a impartición de novas especialidades lingüísticas.

O público da Casa das Linguas está formado sobre todo por adolescentes que buscan mellorar as súas habilidades comunicativas nunha lingua estranxeira ou aumentar os seus coñecementos. Tamén veñen adultos que buscan aprender a comunicarse noutra lingua na vida cotiá, e tamén un pouco o funcionamento doutras linguas e culturas. Na maioría dos casos, supuxo tamén un repaso da gramática e a cultura española principalmente, pero tamén galega. Se son sincero, non sei exactamente cal é o motivo polos que os nosos estudantes elixen a Casa das Linguas ou prefiren un idioma a outro, pero penso que pode ser a curiosidade intelectual das personas do noso Concello, porque temos alumnos espléndidos, que crearon na Casa das Linguas un lugar familiar onde o silencio é convertido en cultura, e que veñen cada semana ás súas clases a aprender un pouco máis pero tamén a ensinar aos seus profesores.

A efectos de matrícula, o máis demandado neste curso foi con moita diferenza o inglés, pero hai que ter en conta que o departamento de inglés é o que máis cursos ten actualmente en funcionamento. Tamén se debe a que este é o primeiro ano que impartimos francés e alemán.

Ademais da docencia e da investigación dentro deste proxecto, que outras actividades ten na axenda a Asociación Itaca?

A Asociación Ítaca, aparte da Casa das Linguas, conta con otra institución, A Casa do Deporte, que acaba de iniciar a súa actividade coa especialidade de zumba. Foi todo un éxito e un luxo poder ter una actividade deste tipo no rural, xa que require un monitor especializado. Por outra banda, a Asociación Ítaca ten as súas propias actividades, de carácter multicultural, educativo e deportivo, como conferencias ou obradoiros.

Dende a súa xuventude e iniciativa, como ve o futuro do rural lucense? Que papel pode xogar a cultura e a educación para revitalizar a zona?

Creo que a cultura e a educación nesta zona poden ter moito futuro sempre que haxa persoas, como os membros de Ítaca ou os estudantes da Casa das Linguas, que queiran conservar este tesouro. Pero creo que temos que redefinir tamén os conceptos de cultura e educación se queremos que nas zonas rurales como A Pobra do Brollón haxa unha Casa das Linguas, unha Casa do Deporte ou outro tipo de actividades.

Eu teño pensado continuar traballando pola cultura e a educación na Pobra do Brollón, especialmente pola formación en idiomas. Como diría Xulio César, «nada é tan difícil que non se poida conseguir con coraxe.»

Pero isto é tarefa de todos se queremos ver o rural como algo culto. Polo de agora, non me vou rendir porque teño o mellor apoio e equipo da miña parte, os profesores da Casa das Linguas, coa profesora de alemán María del Camino Martínez Sabugo, que xa foi profesora miña en secundaria e quen para min é un exemplo a seguir. Ensinoume que a educación é un traballo humano no que se traballa coa formación de seres humáns; e o profesor de francés Manuel Reboredo Anillo, compañeiro da Facultade de Filoloxía e gran amigo, que está iniciándose como docente coa axuda dos alumnos da Casa das Linguas. Ademais de contar co apoio da Asociación Ítaca sen dúbida para min o maior apoio son os alumnos porque sen eles non teríamos Casa das Linguas nin bos profesores na institución.•

idiomas.pobrabrollon@gmail.com

www.idiomaspobrabrollon.wix.com/casadaslinguas

 

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte celebrará a XIII Feira Medieval o 4 e 5 de abril

Seguinte Nova

Sarria acollerá o Campionato de España de seleccións sub-16 de fútbol sala

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: