• Os contratos terán claúsulas sociais que blindan os dereitos dos traballadores, e están e axeitados ás necesidades reais da provincia
• A finais do mes pasado foi presentada a segunda edición do programa Ben Empregado!, unha iniciativa da Deputación de Lugo para crear outros 350 empregos amparados por cláusulas sociais, e que responden ás necesidades reais da provincia. Así o explicaron o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta primeira, Lara Méndez, que destacaron o éxito da primeira edición, nas que se recibiron solicitudes de 395 entidades e de 3.297 lucenses desempregados. «Nesta edición aumentamos o investimento con respecto á primeira, pasando de 4,4 millóns a 6 millóns de euros, o que permitirá a participación de aínda máis empresas e máis lucenses desempregados», suliñou Gómez Besteiro.
«O feito de que non teñamos competencias directas en emprego non será nunca unha escusa para non actuar, posto que a obriga legal de calquera administración é satisfacer as necesidades dos cidadáns», precisou o mandatario provincial, quen lembrou que «foron os propios veciños os que nolo pediron durante a elaboración dos Orzamentos Participativos».
A Deputación de Lugo subvencionará ás empresas a totalidade dos custes salariais e de Seguridade Social dos traballadores durante un ano, con achegas de ata 22.000 euros por persoa, «sendo a maior axuda que concede unha administración en Galicia para fomentar a contratación», destacou Besteiro. O mandatario provincial afirmou que «serán empregos de calidade, porque as entidades terán a obriga de incorporar cláusulas sociais en todos os contratos, blindando os dereitos dos traballadores». Besteiro puntualizou que «serán empregos axeitados ás necesidades reais da provincia, unindo a oferta coa demanda logo de escoitar aos tecidos asociativo e empresarial».•