A Semana Santa completouse cunha boa cifra de visitantes no sur de Lugo

A ocupación hoteleira mellora as cifras do ano pasado en Sarria e a Ribeira Sacra

Según os datos ofrecidos pola APEHL, o incremento na comarca de Sarria-A Ulloa foi de 12 puntos, e na Ribeira Sacra de 8 puntos, o que as sitúa como as dúas zonas con maior subida da ocupación en toda a provincia

As Rutas do Viñobús postas en marcha polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra na Semana Santa acadaron o 100% de ocupación. (Foto cedida: CT Ribeira Sacra).
As Rutas do Viñobús postas en marcha polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra na Semana Santa acadaron o 100% de ocupación. (Foto cedida: CT Ribeira Sacra).

• A Semana Santa rematou no sur de Lugo cunhas cifras turísticas moi satisfactorias. En canto á ocupación hoteleira, e según os datos ofrecidos pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo (APEHL), a Ribeira Sacra rexistrou un 85% de ocupación, o que mellora o 75% obtido neste mesmo periodo do ano pasado. Pola súa banda, a comarca Sarria-A Ulloa rematou este periodo vacacional cun 82,83% de ocupación, fronte ao 71% da Semana Santa de 2014. Ambas zonas foron as de maior incremento no número de hóspedes de toda a provincia, xa que a Ribeira Sacra medrou 8 puntos respecto ao ano pasado, e o crecemento na comarca Sarria-A Ulloa aínda foi superior, cun aumento de 12 puntos na ocupación hoteleira respecto a 2014. No conxunto da provincia, só A Montaña sufriu un descenso na ocupación hoteleira, cunha caída de dous puntos porcentuais. Pola súa banda, Lugo Centro foi a zona con mellores datos, acadando un 91,36% de ocupación.

DETALLE DA OCUPACIÓN NA RIBEIRA SACRA

O desglose destas cifras foi ofrecido polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Así, nos días previos aos festivos, a ocupación no turismo rural foi dun 55%, mentres que nos hoteis foi do 63%, e no resto de establecementos acadouse o 52% de ocupación. As cifras melloraron ostensiblemente durante os festivos. Según os datos provisionais aportados dende o Consorcio, entre os días 2 e 5 de abril, o turismo rural rexistrou unha ocupación do 94%, que nalgúns establecementos próximos ao Canón do Sil e na ribeira do Miño entre A Peroxa e Taboada chegou ao 100%. Este cheo total tamén se rexistrou nos hoteis, e no resto de establecementos hoteleiros a ocupación foi do 76%.

MÁIS DE 10.000 PERSOAS VISITARON A RIBEIRA SACRA DURANTE A SEMANA SANTA

Dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra tamén tiveron en conta o número de usuarios dos catamaráns como dato para valorar o volume de visitantes nesta zona. Así, as primeiras cifras apuntaban a que foron preto de 8.000 as persoas que disfrutaron esta Semana Santa das rutas fluviais dende os embarcadoiros de Doade, Santo Estevo, Os Chancís, Abeleda e Belesar. Os responsables do Consorcio precisaron que houbo «un importante número de persoas, das que non temos cifras inicialmente, que quedaron sen praza nas rutas fluviais». Sobre esta situación, dende o Consorcio invitaron a valorar «dende que embarcadoiros se puido reforzar o servizo e non se fixo, prevendo unha demanda elevada, e tamén establecer tecnicamente a capacidade de carga, de xeito especial nos percorridos fluviais do Canón do Sil». Os responsables do Consorcio suliñaron que «non sería sostible medioambientalmente encher os Canóns de barcos, pero cos servizos actuais si se poden reforzar as saídas ata un límite recomendable».

De todos os xeitos, con ou sen percorrido en catamarán, entre 10.000 e 12.000 persoas terían visitado a Ribeira Sacra durante toda a Semana Santa, según os datos provisionais que manexa o Consorcio de Turismo. Os diferentes puntos de información turística da Ribeira Sacra recibiron aproximadamente a 4.500 persoas durante estas vacacións.

As boas cifras tamén acompañaron ás iniciativas emprendidas polo Consorcio. O Viñobús acadou o cheo total, con doblaxe de dúas das rutas do sábado, e as Rutas do Románico contaron con 60 participantes. Tamén o Sábado Santo acolleu a celebración do primeiro dos concertos do Ciclo de Primavera 2015, na igrexa de Santa María de Montederramo, cun aforo do 85%.•

Turismo de Galicia investiu preto de 120 mil euros no acondicionamento do Camiño no seu paso por Triacastela

No primeiro trimestre deste ano, recolleron a Compostela na Oficina do Peregrino de Santiago un total de 7.030 peregrinos, un 46% máis que neste periodo de 2014

arquivo peregrinos sarria
O Camiño Francés constitúe un dos atractivos turísticos máis importantes na comarca de Sarria. Arquivo EC.

• A finais do primeiro trimestre deste ano, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo balance das diversas actuacións que se teñen levado a cabo en canto á adecuación do Camiño de Santiago. No tramo que pasa polo término municipal de Triacastela, este organismo autonómico desenvolveu diversas actuacións financiadas con preto de 120.000 euros.

GARANTIR A TRANSITABILIDADE DO CAMIÑO

As melloras buscan facer a Ruta Xacobea totalmente transitable, eliminando os puntos de difícil paso xerados especialmente polo paso da auga e polo uso dos camiños por maquinaria pesada.

As melloras realizadas en Triacastela incluíron a apertura e limpeza de foxos e pasos de auga con rasanteo do firme, a execución de pasos de auga en V realizados en pedra granítica para facilitar a evacuación das augas, e o pavimento artificial estabilizado con cemento para evitar un deterioro do firme, principalmente nas zonas de maior pendente.

RESPECTO Á SINGULARIDADE DE CADA TRAMO, E AOS SEUS VALORES TRADICIONAIS

Dende Turismo de Galicia precisaron que as actuacións de acondicionamento deben adecuarse ás singularidades paisaxísticas e orográficas de cada ruta do Camiño. Así, este organismo autonómico destacou que as melloras realízanse respectando sempre as condicións do tramo concreto, coma o seu ancho ou os valores tradicionais engadidos. Ademais, as actuacións manteñen a coherencia coas obras realizadas anteriormente, procurando sempre o menor impacto visual.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O GDR recolleu un Premio do Deporte Galego 2014 polo Circuíto Leader Ribeira Sacra de Carreiras Populares

Seguinte Nova

400.000 baixo pratos promocionarán os atractivos da provincia de Lugo

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: