•Raquel Arias visitou o IES Daviña Rey de Monforte, no que se van realizar obras durante este verán

• A finais do mes pasado, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou o IES Daviña Rey de Monforte para comprobar o estado das instalacións onde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto acometer durante este ano diversas obras de rehabilitación, ampliación e mellora. Estas obras están integradas no conxunto de actuacións de mellora que a Xunta vai acometer este ano en 12 centros educativos do sur de Lugo, e nas que vai investir un total de 110.726 euros.
RENOVACIÓN DAS FIESTRAS NO IES DAVIÑA REY
En canto aos traballos que se van desenvolver no IES Daviña Rey, as melloras consistirán na renovación das fiestras, cun investimento da Consellería de 26.315,35 euros. Estes traballos desenvolveranse durante os meses de verán, según explicou Raquel Arias na súa visita ao centro, na que estivo acompañada polo director, Isaac González, e por membros do equipo directivo.
Arias salientou o «importante desembolso» que a Xunta está a realizar en mellorar, reparar ou ampliar as instalacións dos centros educativos na provincia de Lugo, «o que é un exemplo claro da aposta que se fai en Galicia polo ensino público». «Un ensino de calidade, ademais dunha boa docencia, require instalacións axeitadas e neste contexto hai que enmarcar todas estas obras de rehabilitación, ampliación e mellora», destacou Arias.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Entre outras actuacións no sur lucense, Arias destacou polo seu importe, máis de 27.000 euros, a renovación do chan do pavillón do IES Lama das Quendas de Chantada; así como o cambio de persianas e porta de aluminio previsto no CEIP Virxe do Carme de Sober con máis de 12.000 euros. A Consellería tamén destinará preto de 18.000 euros a acometer a segunda fase do saneamento e a revisión eléctrica do CEIP de Quiroga. Asimesmo, Arias lembrou os preto de 10.000 euros que a Xunta investirá no planetario do IES A Pinguela.
Ademais de obras menores de diversa índole, como o cambio dunha porta ou a ampliación da sala de profesores, entre outras actuacións previstas no CEIP de Monforte, nas que se investirán 7.453,6 euros, as intervencións deste exercicio inclúen a realización das periódicas revisións eléctricas.•