• Inclúe contacontos e actividades para nenos e nenas de 0 a 11 anos • As sesións desenvólvense en abril e maio na Biblioteca Municipal
•A comezos de abril, arrincou no concello de Ribas de Sil a programación cultural para esta primavera. As actividades están centradas na promoción e animación á lectura, organizadas pola Axencia de Lectura Municipal en colaboración coa Rede de Bibliotecas de Galicia. As actividades, que están destinadas a nenos e nenas de 0 a 11 anos, desenvolveranse ata mediados de maio, na Biblioteca Municipal. Esta programación está financiada integramente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do programa Ler Conta Moito.
O programa cultural comezou o pasado 8 de abril, co espectáculo «O traxe novo do rei», unha mistura de contacontos e títeres dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos. A sesión tivo lugar na Biblioteca do CEIP de San Clodio.
ALIMENTACIÓN E HUMOR NO CONTACONTOS DO DOMINGO 26 DE ABRIL
A vindeira cita deste mes será o domingo 26, ás 19 horas na Biblioteca Municipal, co espectáculo de contacontos «Comechíns», para nenos e nenas de 4 a 10 anos. En «Comechíns», o público asistente coñecerá esos inconvintes relacionados cos alimentos, tan habituais hoxe en día. A través das historias mergullarémonos nun mundo de fantasía onde a verdura, a froita e as legumes serán os protagonistas.
3 DE MAIO, CONTOS E ARROLOS PARA BEBÉS
A programación de maio arrinca o domingo día 3, co espectáculo «Palma, repalma, contos para bebés», na Biblioteca Municipal a partir das 13 horas. «Palma, repalma, chica morena, como a queres, grande ou pequena?» Temos unha riqueza espectacular na nosa tradición oral que precisa ser recuperada. Esta sesión de contos, arrolos, cantos e ladaíñas para bebés está orientada a nenos e nenas ata 3 anos.
CONTACONTOS, MONICREQUES, MAXIA E CONCURSOS O SÁBADO 16 DE MAIO
Xa para os máis grandiños, entre 4 e 11 anos, está pensado o espectáculo «Conto contigo», que se poderá disfrutar o sábado 16 de maio ás 17 horas. Esta sesión inclúe contacontos, monicreques e maxia, nun espectáculo interactivo, dinámico e moi divertido no que haberá tamén trabalinguas, cancións e concursos, entre outros.
O domingo 17 ás 13 horas voltará a programación para bebés, coa actividade «Palabras Confeitadas», tamén na Biblioteca Municipal. Este espectáculo é un primeiro contacto coa palabra e cos libros, a través dos sentidos, obxectos e sombras, nunha viaxe que abrangue a pais, nais e bebés, con contos, sons, arrecendos e agarimos.•